O profesor Pensado Tomé

(Negreira, 1924-Salamanca, 2000) no seu centenario

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Moi poucas veces unha hipérbole como esta acerta a caracterizar a personalidade intelectual de dúas persoas: no Seminario de Lingüística da Universidade de Salamanca, a mediados dos anos setenta do pasado século, os catedráticos Pensado Tomé e Koldo Mitxelena eran considerados, entre distintos profesores, culpables da invención do galego e do éuscaro respectivamente. Querían expresar deste xeito a súa dedicación e identificación cos seus idiomas de nación malia ser ambos salmantinos de “pación”, como diría o seu común amigo Alarcos.

Lembro que cando no curso 1965-66 cheguei a Salamanca como estudante quedei sumamente sorprendido das críticas que a cotío recibía D. Ramón Menéndez Pidal nas clases de profesores moi novos cando explicaban Gramática Histórica ou Literatura Medieval. Tardei moitos anos en decatarme que soamente os grandes filólogos, autores dunha obra indiscutida, son obxecto de crítica académica máis ou menos argumentada. Xa o explicou Joan Corominas, outro xigante que non nos permite miralo de fronte coma se do sol se tratase, no prólogo do seu Diccionario Crítico Etimolóxico Castellano e Hispánico (DCECH) cando recoñece que a súa obra, como todos os dicionarios, conterá erros pero que sempre se esforzou por facilitar a outros investigadores o seu descubrimento sen ocultar as fontes empregadas e sinalando expresamente os puntos débiles da súa proposta. Sabias palabras que van na procura dun diálogo implícito que pode ser exercido nas aulas e nos artigos publicados na procura de méritos académicos que se poden permitir o luxo de falar de ti a ti a un sabio.

Acaba de anunciarse a celebración dun simposio en homenaxe ao profesor Pensado organizado polo Centro de Estudos Ramón Piñeiro que non pretende outra cousa, estimamos nós, que establecer ese diálogo implícito e respectuoso co mestre da filoloxía galega, que nos honra e nos dignificou cos seus estudos. A proba máis contundente do seu maxisterio está no fecundo e paradigmático diálogo que provocou a obra do nicrariense, entre o Padre Sarmiento e Corominas, convertido nun trílogo como dirían os portugueses e nunha trindade como digo eu. O monxe bieito, inventor da lingüística románica e fundador da moderna textualización do galego, oculto sempre debaixo do manteo do padre Feijoo, buscado incesantemente polos nosos devanceiros, non apareceu ata que o profesor Pensado nolo mostrou en todo o seu esplendor a partir de 1970. A tal punto que Corominas, despois da publicación do Catálogo de Voces y Frases de la Lengua Gallega (Salamanca, 1973) diríxese a Pensado, xubiloso e agradecido, por ter desenmarañada “la peor madeja que subsistía en la filología hispánica”.

“...antes de volver á eternidade non quero deixar de lembrarvos que as miñas virtudes fundamentais –agora pòido decilo– foron: espírito de traballo e modestia. Imitádeme, non me celebredes. Porque nese voso mundo, que hai tempo tamén foi meu, sempre gustou máis a festa que o traballo”.

Estas palabras que o profesor Pensado atribúe a Sarmiento nunha apócrifa autobiografía do monxe bieito ben poderían ser o testamento común destes tres homes singulares. En máis dunha ocasión lle teño oído ao profesor Pensado que reservaría a pena de morte unicamente para os organizadores de homenaxes. Non soportaba a vaidade e o ruído. Ben entendido que esta homenaxe, que honra á institución organizadora, é tamén tributo, nomeadamente, a unha obra, a do profesor Pensado, herdanza común de todos os galegos.

Intuía a súa capacidade o seu mestre Dámaso Alonso cando nunha carta que lle escribe a Oviedo a Pensado, que acababa de ganar a cátedra de Lingüística Románica e Filoloxía Galaico-Portuguesa desa Universidade, confésalle que abandona os estudos e investigación filolóxicas confiado na continuidade e valía do discípulo.

Suscríbete para seguir leyendo