Os Camiños da Vida

De bares con Manuel Antonio

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Margarita Seoane, alumna de Hostalaría no CEIFP Manuel Antonio de Vigo, acaba de ser premiada nun Concurso Internacional de “baristas” que se celebra cada ano en Foz. Parabéns. A palabra “bar”, orixinaria do inglés, no seu significado de “establecemento no que se expenden e consomen bebidas alcohólicas" foi introducida e aceptada en todas partes. Nos anos vinte do século pasado, os poetas de avanzada converteron “bar” nunha das verbas emblemáticas do universo radical vangardista que pretendeu fundar nova poesía desde a destrución da vella. “Danzar / cautivos del bar / la vida es una torre / la torre un palomar / que crece cada día / sobre el nivel del mar” –escribía Gerardo Diego en 'Manual de Espumas' (1924). En canto a Manuel Antonio, este fixo brillar a palabra “bar” nunha poesía do seu libro ‘De catro a catro’ (1928) titulada “Navy Bar”. A composición comeza: “Este bar ten balances / e tamén está listo / pra se facer á vela”. Para terminar: “No repouso dalgún vaso / tódalas noites / naufraga o Bar”.

“O bar Comercio foi moi visitado polas tripulacións de barcos abandeirados en países estraños ou exóticos”

X L Axeitos considera a impronta que a cidade de Vigo deixou en Manuel Antonio, quen viviu no Paseo de Afonso no tempo en que cursaba os estudos de Náutica. Naqueles días vigueses do rianxeiro coido que houbo aquí un bar que, pola súa proximidade ás docas de carga levaba o nome de bar Comercio, coa tradución ao inglés moi resaltada nun dos accesos: Commerce Bar.

Este foi lugar moi visitado polas tripulacións de barcos abandeirados en países estraños ou exóticos. Tal cosmopolitismo naval sería inspiración para o poema de Manuel Antonio no que a palabra “bar” aparece documentada por primeira vez na literatura galega. Teño entendido que este establecemento segue existindo, co nome, varias veces modificado, de bar Comercio, no número 10 de Castelar e abre portas a esta rúa e máis á Avenida de Montero Ríos que os vigueses soen chamar As Avenidas. O bar Comercio cae fronte a oficina de Logares, consignatarios de buques, para máis coincidencias manuelantonianas. Non esquezamos que, o de Vigo, é o único topónimo que figura en De catro a catro, fito singular da poesía galega de todo tempo.

Suscríbete para seguir leyendo