Acordar mareada non é normal en min. Abrir os ollos e afrontar un robot con fisionomía de can, tampouco. Aconteceu lúas atrás.
Na nebulosa dos ollos, apareceu el: metálico, rabo curto, fociño dourado e ollos eléctricos. Lembrábame a alguén. “Ola, son Ciberpachi”, pronunciou a súa voz de titanio.
Pregunteille por Pachi e informoume que morrera 70 anos atrás e que el era a súa versión mellorada. Botei contas rápido en shock. Eu pasaba dos 117 anos. Ollei para as miñas mans e pernas, dei un chimpo e fitei na cara. Tíñaa igual que a última vez que me mirara no espello.
Ciberpachi comezou a detallar que eu vivía no futuro, que a casa estaba inzada de plantas como unha especie de invernadoiro que proseguía no xardín para ter comida. “Agora, es de clase baixa-limbo”, sinalou. Negueillo: “Non, non, eu son de clase media”. “Iso hai tempo que non existe”, respondeu para aclarar que a clase baixa-limbo estaba nutrida por pobres con formación académica superior.
El declive de la clase media y la falta de relevo generacional
Eu non pestanexaba. Só se me ocorreu preguntar quen conformaban as outras clases sociais. “Na clase estratosfera atopamos xente como Amancio Ortega. Si, aínda vive. É un dos sabios que rexe o mundo. Despois, está a clase alta; logo a túa e despois a magma, a máis baixa de todas. Só os da estratosfera forman parte do consello de administración do xornal ‘Universal’”, informou Ciberpachi.
Pregunteille se o FARO DE VIGO aínda existía e certificoume que non e que a min non me deixaban escribir en ningún medio ao entender que era un ‘elemento subversivo’.
Aí, tiven que sentarme mellor e apoiar as costas contra o respaldo. A mascota do futuro proseguiu coa súa lección ao indicar que era considerada subversiva por dar a miña opinión, o que estaba prohibido no Cibermundo. Como consecuencia, toda a miña vivenda estaba inzada de micrófonos, cámaras ocultas e sensores para calibrar e detectar no meu discurso verbas prohibidas.
A náusea empezou a nacer en min e só se me ocorreu preguntar por unha cuestión: “E a Real Academia Galega existe?”.
Vigo tamén fala galego
Os ollos de Ciberpachi puxéronse laranxas e comezaron a dar voltas para parar en seco e soltar de golpe que fora eliminada. O corazón comezou a bombear a 160 quilómetros. A mascota avisoume que estaba a piques do colapso arterial. “Debes tranquilizarte. Inspira e expira fondo. Repite comigo: Neste Cibermundo vou ser feliz. Veña, ti podes”, pronunciou.
Pedinlle un médico e soltoume que non tiña dereito a el, que non existía a Seguridade Social. Entráronme ganas de vomitar e entre arcada e arcada rematei: “E alén de ti e eu, alguén máis fala galego? Ciberpachi, serio vocalizou: “Repite comigo. Nes-te-ci-ber-mun-do-vou-ser-fe-liz”.