Voyager

A entroidar!

É tempo de Entroido.

É tempo de Entroido. / FdV

Ledicia Costas

Ledicia Costas

As festas tradicionais marcan en certa maneira o ritmo das escolas. Isto está relacionado con un feito: as mestras e mestres custodian as chaves que abren as portas da creatividade e da emoción. Isto non é un asunto menor. Porque unha mestra ilusionada é coma unha especie de fada cunha variña capaz de facer maxia. A ilusión contáxiase, e as nenas e nenos teñen o don de potenciala. Así é coma nace o entusiasmo nunha aula: un mestre planta a semente, ensínalle ao alumnado a regala e coidala e, de súpeto, florece nun estoupido de confeti e todo son sorrisos e ollos brillantes. Cando unha crianza está nerviosa porque ao día seguinte hai unha celebración na súa escola, é un bo síntoma. Sempre me gustou visitar os coles galegos na semana do Entroido. E aínda que este curso non o faga, coñezo ben as dinámicas. As familias reciben as instrucións dos “Mandados do Meco” e a semana convértese nun crisol de disfraces. No CEIP Frian, os mandados deste curso foron os seguintes: “O luns o número 1 serás porque unha medalla traerás. O martes unha banda na fronte porás e así suor non terás. Se o mércores un bo participante queres ser, algo deportivo terás que traer. O xoves, para ser un atleta orixinal, un tenis de cada cor deberás calzar”. No CEIP do Hío segue os mandados do esqueleto do cole. Chámase Arturo, e marcou que o martes había que ir á escola cun peiteado orixinal, o mércores levar unha prenda de roupa elegante e o xoves asistir á clase coa cara pintada dun personaxe escollido polo alumnado: humano, animal, robótico... Tanto ten! O importante é cumprir a vontade do Meco e facelo con ganas. O CEIP do Hío non é o único que ten un esqueleto. É este un inquilino bastante habitual nas escolas galegas. Case sempre leva complementos, é raro atopalo espido, sobre todo nestas datas. E iso tamén forma parte dese mundo marabilloso que se crea nas escolas. Un ecosistema propio onde as emocións están a flor de pel. Non é a primeira vez que falo da rede lectora tan extraordinaria que se crea en Galicia a través das Bibliotecas Escolares e do traballo nas aulas. Mais se hai unha época onde isto é visible con especial intensidade é no Entroido. Chegar a un cole para falar dun libro teu e atopar o alumnado vestido coma as túas personaxes é algo inesquecible. Porque significa darlle outra entidade a esas historias que construímos sen saber moi ben que vai pasar con elas. No Entroido, nas escolas galegas, isto sucede. De súpeto, os nosos personaxes cobran vida e chimpan do papel ao mundo da fantasía escolar. Esa que tantas alegrías nos dá. Estes días empecei a recibir fotos, como cada ano. Así, coa implicación das familias e a paixón das mestras, o ecosistema florece. Pero quen é o Meco? Pois, como din nas escolas, o Meco é quen máis ordena! E mentres, nas rúas das vilas galegas, peliqueiros, cigarróns, pantallas, os xenerais da Ulla, os vellaróns, os follateiros, os galos, as mázcaras, volantes, boteiros e, por suposto, os merdeiros de Vigo. Que as rúas se enchan de alegría e retranca. Con chuvia ou sen ela, feliz Entroido!

Suscríbete para seguir leyendo