DE BOLINA

Raíñas de España

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Como con certeza han de coñecer bastantes/moitos de entre os, sempre moi amables, lectores e lectoras, La reina de España vén ser un film, dirixido (2016) por Fernando Trueba –e con Penélope Cruz, Antonio Resines e Carlos Areces nos papeis principais–, que resulta ser a continuación, unha secuela, dito/escrito vaia na linguaxe en vigor, daqueloutra –ao meu ver, estupenda e moi divertida– fita, La niña de tus ojos, levada a termo polo mesmo cineasta madrileño en 1998 –e sempre con Penélope Cruz como protagonista esencial; á súa canda Resines, Loles León, un xenial Miroslav Táborsky… (como o tradutor Vaclav Passer) e aínda, asemade espléndido, Johannes Silberschneider encarnando o moi detestable Dr. Goebbels– e brillante vencedora na XIII edición dos Premios Goya (1999). Pero non; por máis que o caso que nos ocupa si que conforme, e tanto, toda unha película, non tratan as presentes liñas respecto do mundo do cinema. Aínda que iso, volveremos a el no remate desta crónica.

A ver: desde logo si que semella dabondo paradóxico que, neste país de países, autonomías revoltés e arquipiélagos e prazas de soberanía adxuntos, teñan –teñamos, ao cabo– que ser aqueles/as afectos ás formas republicanas os que vaiamos amosar conmiseración pola persoa da actual raíña das Españas –Dna. Letizia Ortiz, non se me confundan– perante das aldraxes,agravios, maledicencias…, puras e duras faltadas varias coas que, día si e día tamén, a veñen “obsequiando” esoutros autoproclamados representantes das esencias da monarquía. Uns ghichos/as os/as tales que, malia a súa declarada idolatría pola anacrónica institución que din defender con uñas e dentes, non dubidan nin un anaco na hora de calumniaren e denigraren todo o que poden, e máis, a parella de Filipe VI. Trátase, xa que logo, dunhas xentiñas situadas nesa mesma perspectiva pola cal, aló nas fins do século XIX, se conducían determinados círculos carlistas a rezaren diariamente o rosario “pola conversión de León XIII á verdadeira fe”, convencidídimos que estaban, logo da publicación da encíclica Rerum novarum, de que o Papa fora abducido, si ou tamén, por algún demo socialista.

"Por moito que a protagonista do mesmo se chame Isabel, está moi lonxe de conformar un bo film"

Polo demais, a táctica empregada para a acción intoxicadora/difamatoria nada ten que envexar a esoutra exposta por John Le Carré nalgunhas das súas inesquecibles tramas: a partir dunha información difusa/confusa –facilitada por alguén que, no pasado, tivo trato coa persoa que se busca denigrar–, lévase a cabo unha completa “adecuación”/manipulación da mesma e fíltrase oportunamente a un(s) medio(s) de segunda ou terceira categoria con vocación “amarela”. Asemade, tamén se lle fan chegar os “documentos” a algún(s) resentido(s)/obseso(s) Peñafiel coa figura a deostar. Desde aí, tan só queda xa agardar a que, máis tarde ou máis cedo, o rumor, a murmuración…, o dixome-díxome abrolle na superficie e acabe sendo recollido, dalgún xeito, por outro(s) medio(s) serio e influínte. E pouco interesa xa que a argallada non teña máis percorrido nas canles responsables. En calquera caso, a sospeita está sementada. O dano fica feito. Escóitanse foguetes a estouraren pola banda de Abu Dhabi. E mentres tanto…

Mentres tanto velaí que nos pasados días, e tal e como informaban así mesmo diversos medios, a Asociación dos Reales Tercios de España –cuxo obxectivo declarado é “manter o ideal monárquico”– vén de nomear Gran Dama da mesma nin máis nin menos que á moi inefable, libertadora dirixente dos destinos comunitarios da capitalidade de todas as Españas. Os méritos considerados, daquela, para o galardón? Pois, polo visto, armarse a referida señora en “salvadora da dereita española” e, ao tempo, despuntar notoriamente nesoutro eido da gastronomía: “Le gusta la fruta”, explicou o representante/portavoz dos Tercios. En fin, tras a condecoración e mais os aplausos, a cerimonia concluíu cun vítor: “¡Viva el rey!” Eu, non sei Vdes., pero mesmo chego a matinar se non pasou (pasa) aínda nese momento polos maxíns dalgúns dos presentes no acto consideraren que Filipe de Borbón debería, pero xa!, considerar un cambio de parella.

Obxectarán Vdes., se cadra, que me estou, á miña vez, “montando unha película.” Vale; ok Mackey. Pero, en todo caso, déixenme finalizar esta columna, e volvendo ao inicio da mesma, lembrando que, por moito que a protagonista atenda polo nome de Isabel, La reina de España está ben lonxe de constituír –quadoque bonus dormitat Homerus– a mellor rodaxe de Fernando Trueba. E, xa postos, recordar que nunca acadou tampouco os favores do público español.

Suscríbete para seguir leyendo