Curros sempre

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

“Sinto no peito us afogos / Que parece que me mordan / sete ducias de cas dogos”. Veleiquí os primeiros versos do poema ‘O Divino Sainete’ de Curros Enríquez, publicados en 1888, ano no que veu ao mundo, en Ourense, Ramón Otero Pedrayo. O ferrocarril chegara a Ourense por primeira vez anos antes, en 1881. Toda a literatura europea, de San Petersburgo a Ourense, exhalaba un cheiriño a carbón co que o lector de varias xeracións se acha familiarizado aínda hoxe.

A ceremonia da chegada do primeiro tren a Ourense foi axitada. No acto falou o deputado provincial Enrique Otero Sotelo, pai de Otero Pedrayo que, no seu discurso gabou as mulleres e os proletarios como coautores eficientes da revolución industrial. Daquela, o bispo de Ourense sentiuse ofendido e, recollendo as faldras, galgou cara o seu pazo. Manuel Curros Enríquez (1851-1908) estaba tamén presente no acto, seica a carón do xurista Paz Nóvoa. Curros daría conta daquel suceso nun poema famoso, “Na chegada a Ourense da primeira locomotora”, que fai parte do libro 'Aires da Miña Terra'. Como é ben sabido, este poema ferroviario fíxose moi popular, e, ao igual que o resto do libro provocou a ira tamén do bispo de Ourense, home ao parecer intransixente, que denunciou a Curros como autor dun delito contra a libertade de cultos debido ás proposicións vertidas contra a igrexa católica.

“Curros, absolto, sentiuse con forzas para escribir e publicar ‘O Divino Sainete’”

Tamén o prelado lles prohibía aos fieis a súa lectura. Condenado Curros na audiencia de Ourense, resultou absolto na territorial da Coruña. Curros, entón, sentiuse con forzas para escribir e publicar ‘O Divino Sainete’, que consideramos a súa obra mestra e o cumio da poesía satírica escrita en galego na Idade Contemporánea.

‘O Divino Sainete’ é unha sátira antivaticanista que ten como argumento unha peregrinación de neocatólicos a Roma nun tren que alegoricamente engancha os vagóns dos sete pecados capitais. Aquí está, unha vez maís, o mundo ferroviario impregnando unha obra literaria decimonónica. Partindo do feito de que Curros foi un xove catequista protestante e coñecía a crítica de Lutero a toda sorte de pelerinaxes, a obra resulta, enteiramente, unha parodia da ‘Divina Comedia’ máis ca unha imitación do poema ‘Le Pape’, de Victor Hugo. Ambos centrados en León XII, pero o francés carece da potencia rupturista, e mesmo expresionista, que nos asalta ao ler a obra galega. Este 2024 conmemórase o 20 aniversario da Fundación Curros Enríquez de Celanova, e o 120 da coroación do noso autor como Poeta Nacional de Galicia. Querido e admirado onte e sempre, Curros recibirá nestes actos a testemuña renovada da fidelidade dos seus lectores.

Suscríbete para seguir leyendo