De re lexicographica (IV):

‘Cibercarracho’, palabra baixo sospeita

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Nos últimos días de cada ano abondan en todo o mundo os inevitables actos ritualizados, empezando polos de natureza relixiosa, seguindo polos de natureza gastronómica, social, cultural, deportiva, etc. Entre eles, e con aceptación maior cada vez, está o rito de culminar o ano elixindo unha palabra que o represente. Comezou o ritual en 1971 unha sociedade alemá (Gesellschaft für deutsche Sprache), especie de academia malia non existir como tal, e foi continuado no mundo anglosaxón polos prestixiosos dicionarios Collins e os das universidades de Cambridge e Oxford. No 2013 a RAE, por medio da Fundéu (Fundación de Español Urxente) e a RAG en 2014, por medio do Portal das Palabras, sumáronse a este hábito practicado pola maior parte das linguas textualizadas. E tendo en conta que en certa maneira somos o que dicimos e que as palabras son memoria do espírito da época, a comparación entre as diferentes eleccións de palabras axuda a trazar o mapa socio-cultural da sociedade na que se produce. Se observamos as palabras do ano en Galicia, o resultado está moi inducido, entre outras posibles causas, polos acontecementos e noticias reflectidas polos medios de comunicación xa sexan estas de natureza política como corrupción (2014) ou refuxiado (2015), de natureza político cultural como irmandade (2016) que coincide co centenario das Irmandades da Fala igual que nós (2020) motivada polo centenario da revista Nós; non faltan as motivacións ecolóxicas na palabra deseucaliptización (2018) e non están ausentes os motivos identitarios nas palabras sentidiño (2019), comadre (2022) e tanxugueiras (2021) mesturados con outros motivos musicais e mesmo políticos nese ambiguo diminutivo.

Pero o ano 2023 a palabra elexida resultou ser cibercarracho, un neoloxismo que aínda non figura como lema nos repertorios léxicos oficiais e que se presenta retador e discordante a respecto das eleccións de anos anteriores onde resultaba doado, como temos dito, atopar unha referencia motivadora plural. O que non ocorre con cibercarracho, un palabro pretendidamente humorístico, sen a máis mínima relevancia social, encriptado nunha profesión e que, por conseguinte non rebasa a categoría de xergal. Obviamente responde a súa formación ao paralelismo con outras moitas palabras de recente introdución como “ciberespazo”, ciberdelito”, “ciberdelincuencia” etc., que mediante o formante culto “ciber-” (resultante do acurtamento da palabra cibernético), e o substantivo carracho, que nomea un arácnido que se alimenta do sangue de mamíferos e aves. Aínda recoñecendo que a tecnoloxía informática é hoxe unha fonte moi produtiva de creación de palabras en todos os idiomas, nada xustifica a proclamación desta palabra xergal proposta e fomentada por Amtega (Agencia para la Modernización Tecnológica de Galicia) e pola TVG. A pretendida ironía e humor que di introducir dentro dunha campaña para prevenir a delincuencia cibernética é contrastando o prestixio profesional e culto da “cibernética” co ruralismo e subdesenvolvemento que connotan os “carrachos”, que semella resucitar a imaxe humillante que de Galicia lle facían transmitir a Xan das Bolas. O significado da palabra e a finalidade da proposta están reivindicadas e explicadas nas páxinas de “Ciber.gal (Nodo Gallego de Ciberseguridad), curiosamente ausente no Portal das Palabras. Deberiamos alomenos sopesar a conveniencia de introducir (por canles institucionais!) palabras pintorescas nun sistema lingüístico magoado e ferido polo menosprezo social inducido.

*Académico numerario

Suscríbete para seguir leyendo