Voyager

Palabra do Ano

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Cada ano, o Portal das Palabras dá conta das voces que se barallan para ser escollidas Palabra do Ano. É unha iniciativa promovida pola Real Academia Galega e pola Fundación Barrié que pon o foco sobre un termo que define o ano que remata como forma de agarimar, reivindicar ou lembrar un acontecemento. Así sucedeu nos anos inmediatamente anteriores coas palabras escollidas: ‘comadre’ (2022), ‘tanxugueiras’ (2021), ‘nós’ (2020) ou ‘sentidiño’ (2019), por citar algunhas. Nesta edición, coas votacións abertas ata o Día de Nadal a través da web portaldaspalabras.gal, os termos finalistas son ‘cibercarracho-a’, ‘cooficialidade’,‘educación emocional’, ‘dereitos humanos’, ‘biodiversidade’ e ‘feitiño-a’. Cada unha destas candidaturas ten unha base diferente. Hainas cun aquel simpático coma o neoloxismo ‘cibercarracho-a’, palabra non incluída non dicionario da RAG. Outras teñen un aquel de orgullo. É o caso de ‘cooficialidade’, por ese tremendo logro do uso normalizado das linguas cooficiais no Congreso dos Deputados. Algunhas teñen un fondo de xustiza, coma o caso de ‘dereitos humanos’, centrada no 75 aniversario da aprobación da Carta Universal dos Dereitos Humanos. Non son eu moi partidaria de empregar termos compostos, malia entender a profundidade da demanda. Marcus Fernández, o pasado 6 de decembro botou a andar unha campaña para que ‘riquiño’ fose Palabra do Ano 2023, co seguinte argumento: “Parece unha boa idea aproveitar a ocasión para elevar unha palabra que claramente define a un creador moi influente en redes sociais (Hematocrítico), que vén de deixarnos antes de tempo: riquiño. A palabra riquiño está moi ligada á figura Miguel López (Hematocrítico), que durante bastante tempo lucía en Twitter o lema Born To Riquiño, e incluso titulou a versión en galego dun dos seus meirandes éxitos literarios empregando a devandita palabra Feliz Feroz. O lobo riquiño”. Pareceume moi bonito, porque a proposta de Marcus foi acompañada dunha petición en change.org que recolleu centos de sinaturas. Mais sucedeu que se reavivou un debate que suscitado en setembro de 2022, cando un usuario se comunicou coa Real Academia Galega a través de Twitter para explicar que non atopara a palabra ‘riquiño’ no dicionario. A RAG respondeu alegando que ese adxectivo, malia ser certamente moi popular, habería que consideralo coma unha palabra pseudogalega, por estar formado sobre a palabra castelá rico-a, co significado de “dicho especialmente de un niño: bonito y a la vez gracioso, encantador”. A explicación da RAG céntrase en que a esa acepción coloquial lle foi engadido o sufixo -iño, propio do galego, para darlle unha fasquía que se achegue á nosa lingua. A sorpresa chega cando a pasada semana o Portal das Palabras anuncia que escollen como finalista ‘feitiño’, voz de uso tradicional do galego, a diferenza de formas pseudogalegas como ‘riquiño-a’. É curioso, porque ninguén fóra de Galicia emprega a palabra ‘riquiño’. O seu uso está tan estendido que forma parte do vocabulario popular galego. E non é menos certo que palabras coma ‘sentidiño’ ou 'deseucaliptización’, escollidas en anos anteriores, tampouco figuran no dicionario da RAG. Pareceume tan lindo que alguén propuxera ‘riquiño’ como Palabra do Ano en homenaxe a Hemato e á súa filosofía de vida, ao seu xeito de entender o mundo e repartir xenerosidade, cousas bonitas e bo humor, que a corrección de ‘riquiño’ a ‘feitiño’ fíxoseme moi estraña, coma se se desvirtuase a proposta. En todo caso, Hemato era feitiño pero, por riba de todas as cousas, era RIQUIÑO.

Suscríbete para seguir leyendo