Os Camiños da Vida

Panchito, por Castelao

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

Chegou das Américas un home rico e trouxo consigo un negriño cubano, coma quen trai unha mona, un papagaio, un fonógrafo...O negriño foi medrando na aldea, onde aprendeu a falar con enxebreza, a puntear muiñeiras, a botar aturuxos abouxadores...” Así abría Castelao un seu contiño, moi lido, que viu a primeria luz en “El Pueblo Gallego” de Vigo (5-VI-1927) e pasou a formar parte da serie titulada “Cousas”. A posteridade lectora tendeu a citar o relato co nome do protagonista: Panchito. Este medrou galego e emigrou ás Américas nas que nacera. Alí sentiu morriña de Galicia. De feitura narrativa perfecta, o conto (ou “cousa”) resulta unha vívida aportación á mellor literatura antirracista, que é a que non se amosa coma tal. Non se trata da primeria presenza de negros na nosa historia literaria.Tendo presente o San Benito preto que se venera na Limia, lembramos un poema no que Uxío (Eugenio) Montes, en modo vangardista, saca negros escamisados que violan a lúa en Manhattan.

"Este medrou galego e emigrou ás Américas nas que nacera. Alí sentiu morriña de Galicia"

Castelao considerou os negros estaren dotados dos valores e capacidades comúns a todo o xénero humano. E sentiuse atraído, estética e emocionalmente pola “negritude”. Facíao antes de ela ser teorizada e poetizada por Léopold Sedar Senghor, líder nacional-popular do Senegal. Lois Soto conta moi ben como Castelao lles falou aos pretos nos mitins de propaganda republicana de 1938 nos EE UU e en Cuba. Parece que, nestes actos, os afroamericanos, traspasados pola paixón lúcida do noso dirixente, non só se desfacían en aplausos senón que se desprendían de diñeiro, reloxos e alfaias como doazón á causa da República en guerra. Os “debuxos de pretos” de Castelao débense principalmente a aquela campaña da que foron estrelas vermellas Castelao e Soto. Tal modalidade de debuxos foi moi ben acollida na Galicia que xemía baixo a bota de Franco no intre no que Galaxia editou as estampas en Vigo e ao coidado artístico de Xohan Ledo. Deles lembrarei sempre a forza dun negro enviso no inverno glacial de Nova Iork: formidábel.

Pero non podemos esquencer que o primeiro debuxo de negros que Castelao amosou foi o de Panchito, nas páxinas de “El Pueblo Gallego”. Tamén é verdade que, no Vigo máis real e portuario, viviu outro negro Panchito que os máis vellos da cidade aínda lembramos con simpatía e quizáis morriña. Hoxe veunos con forza á memoria o Panchito de "Cousas", tal como o debuxou Castelao: caravel na orella, pucha enxebre e chileque de lapelas. Ou sexa un mozo “curro” da aldea galega de finais do século XIX e primeiros do XX.

Suscríbete para seguir leyendo