Campo de Granada

“A vista de Vigo” de Lugrís

Manuel Bragado

Manuel Bragado

A peza máis fotografada da exposición Vigo no tempo é a “Vista de Vigo”, un mural de case cinco metros de largo que Urbano Lugrís pintou nas paredes do Gran Hotel de Vigo, a obra máis destacada do arquitecto Michel Pacewicz, construída na Porta do Sol entre 1897 e 1902. Unha vista de Vigo que o pintor coruñés das mans grandes concibiu como se fose o decorado dun teatro, no que co pano recollido aparece o perfil da cidade e un horizonte moi amplo e cargado de cor. Un Vigo entre a realidade e a fantasía, entre a aventura mítica e unha evocación onírica, no que se identifica o anfiteatro urbano presidido pola fortaleza do Castro. Un Vigo aínda amurallado, e polo tanto anterior a 1860, no que destacan a torre da Colexiata, as baterías defensivas da Laxe e da Pedra, como o convento de San Francisco sobre o Berbés, diante da praia de Coia. Unha vista tomada dende o mar, onde emerxen xerfas ordenadas en horizontal (outro dos padróns vigueses máis antigos, presente nalgunha das estelas romanas do Areal) e as colas de dous monstros mariños (que poden ser considerados precedentes do actual sireno). Unha ría viguesa na que un mariñeiro bota as redes e un galeón desprega o velame enfilando a súa derrota cara as Cíes, onde as gaivotas se refuxian da treboada.

Unha peza artística extraordinaria, outra icona viguesa, cuxa orixe remóntase a 1947 cando o produtor cinematográfico Cesáreo González mercou o vello Hotel Moderno e renovou todas as súas instalacións, incluídos os salóns e a sala de festas Grímpola, con grandes murais de temática galega encargados a dous dos pintores galegos do momento, Urbano Lugrís e Manuel Colmeiro. O pintor coruñés de grandes mans de miniaturista, fundador da revista “Atlántida”, pintou cinco murais, esta “Vista de Vigo”, “Romaría”, “Mapa de Galicia”, “San Telmo” e “Os misterios do mar”. Mentres o pintor de Chapa, daquela residente en París, fixo catro, correspondendo a cada unha das estacións do ano. Pezas todas que conformaron 80,91 metros de pintura mural, o que causou admiración cando o edificio foi inaugurado en 1953 como Gran Hotel cunha festa memorable na que dende Madrid chegaron as actrices de moda. Secasí, cando pechou o hotel (1977) coa intención de que o arquitecto Bar Boo o transformase en edificio de apartamentos e oficinas (tal como hoxe o coñecemos e como inicialmente fora concibido), os nove murais correron serio risco de desaparición, como sucedería con outras obras da pintura pública lugrisiana.

Sendo alcalde Joaquín García Picher, o Concello de Vigo acudiu ao rescate dos murais e contratou a Jerónimo Escalera do Instituto de Conservación e Restauración de Madrid que, utilizando a técnica do arrinque strappo, en novembro de 1977 pasou a cadros, que quedaron almacenados no concello. Habería que agardar a que 1991, se iniciase un lento proceso de restauración, quedando finalmente “Vista de Vigo” e “Romaría” de Lugrís e “A primavera” de Colmeiro na colección de arte da Caixa de Aforros de Vigo (hoxe Afundación), e o resto na colección do Concello, instalándose o “Mapa de Galicia” e “Os misterios do mar” de Lugrís nas escaleiras do Museo de Castrelos, e os tres de Colmeiro na planta baixa da casa do concello. Operación municipal de rescate que, tras a celebración en 2008 do centenario do nacemento do coruñés coa exposición Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fingal, continuou en 2017 cunha nova restauración dos murais lugrisianos de Castrelos.

A celebración o vindeiro 23 de decembro do cincuenta cabodano do pintor que morreu no Hospital Municipal de Vigo nos brazos do seu amigo o libreiro Antón Patiño Regueira é un acontecemento que merece a maior atención na axenda cultural viguesa. Un artista que en 1964 volvera definitivamente a Vigo, cidade oceánica atlántica que bautizou como Xouba City, onde se instalara de 1942 a 1948 coa súa dona e na que nacerá o seu fillo, en anos difíciles de resistencia e de explosión de creatividade, nos que formou parte das tertulias artísticas do Alameda e do Café Tropical, e no que fixo a importante exposición no Casino, onde presentou a “Habitación do vello mariñeiro” (1946), a súa obra mestra, que decontado pasou a formar parte dos fondos do Museo de Castrelos. Vigo, que comparte coa Coruña o carácter de cidade lugrisiana, debe recuperar o itinerario pintor Lugrís, con estacións en Doutor Cadaval 1 (estudio e vivenda), libraría Librouro, taberna Elixio, bar Chabolas ou outras tascas populares como a Guinda da rúa Real ou o Quiosco das Almas Perdidas onde se refuxiaba cada noite a acubillar a súa soidade iluminando as mesas cos seus debuxos que serían borrados horas despois. Apenas unha homenaxe da cidade do mar na que collía o tranvía cara a Baiona para contemplar a violencia do océano enxergando as illas Cíes, que o seu amigo Pedro Díaz bautizou como illas de Lugrís.

https://bretemas.gal/

Suscríbete para seguir leyendo