DE BOLINA

Monárquicos

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Permitan os, sempre moi amables, lectores que comece as presentes liñas cunha pregunta: coñecen Vdes. bastantes/moitos monárquicos? Quero dicir, familiares, amigos e/ou simplemente coñecidos que se declaren firmes partidarios de semellante sistema e, xa que logo, pouco/nada afectos, mesmo moi contrarios, verbo desoutro, de expresión republicana? Pola parte que me toca, debo confesar que si teño coñecemento daqueles/as que poderían ser clasificados, digamos que como “monárquicos pasivos”: isto é, xentes que, postas da disxuntiva “monarquía ou república”, veñen responder, máis ou menos, deste xeito: “A min…, que queres que che diga? A verdade é que tampouco me preocupa moito a cousa… Non sei; se cadra, o mellor é que sigamos como estamos, non? Coido que xa temos dabondo co que hai. Entón, para que andarmos a remexer…?”.

Reitero: velaí a miña experiencia; corríxanme daquela Vdes., se lle cómpre, acudindo á súa. Pois ben; nestes pasados días –nos cales tivo lugar, como é ben sabido, un acontecemento senlleiro para o devir da monarquía, como foi a xura da Constitución por parte da princesa de Asturias, Leonor de Borbón Ortiz–, e fóra de certas pintorescas imaxes na “villa y corte”, non botei de ver para nada unha mudanza que fose alterar esa apreciación que veño de trasladarlles no anterior parágrafo. Mais é caso de que se trata asemade dunha circunstancia a entrar en decidida controversia con esoutro fervor, exaltada epifanía…, embelesados arrebatos por parte de tertulianos, comentaristas de postín/postineo, autoproclamados líderes de opinión que pontifican, si ou tamén, nos medios de dereitas. Algúns/algunhas deles –así do “rompeolas de las Españas” como tamén da prensa de “provincias”, e instalados na plenitude do ditirambo– chegaron a sentenzar mesmo que a herdeira de Filipe VI foi presentar o seu xuramento diante dun “Parlamento que non a merece”, dunhas “Cortes que non estiveron á altura” da elegancia, sensatez e patriotismo dispostos pola escintilante princesa. Formas que, dito/escrito en bravú, veñen conformar de certo o que se di –non sei se de amor– todo un auténtico, inefable poema axeitado en oitavas (reais, claro).

“Acaso ningún dos rapaces/raparigas da ‘xeración Leonor’ estarán preparados para dirixir unha república?”

E obxectarán, acaso, algúns/as, tras leren estas liñas: “Pero é que, logo, non se pode defender a monarquía? Non teñen os seus partidarios/as tanto dereito como os que reclaman a chegada da república?” Con certeza que a resposta é positiva: pois claro que si, meus e miñas e, ademais, dito/escrito vaia con galantería da Restauración, as princesas non se discuten. Agora ben; outra cousa, e ben diferente, son os argumentos empregados en semellante defensa.

“É que en España, as repúblicas está claro que non funcionaron para nada. Repasas a historia, e comprobas que as dúas que tivemos, foron un verdadeiro desastre.” Home/muller, a ver: vale que a primeira non dea para tirarmos moitos foguetes, pero é que apenas lle deixaron que respirase un ano, á coitada! Canto á segunda, así mesmo cando tan só cumprira doce meses, xa tivo que aturar o –fallido– golpe de estado do xeneral Sanjurjo. Catro anos máis adiante…, en fin, coido que todos sabemos o que, moi infelizmente, foi pasar naquel fatídico verán do 36. Mais en calquera caso, poden presumir, da súa parte, de grande eficacia, brillante eficiencia, aptitudes certas… os reinados de Fernando VII, Isabel II ou Afonso XIII? Carlistas e cristinos: tres guerras civís nun século que enfrontaron absolutistas e liberais, pero todos eles partidarios da monarquía: todo un exemplo a imitar, entón?

“É que a monarquía vén ser o xeito de garantir a unidade de España!” –engaden aínda. E que pasa, logo? Acaso un presidente da República non pode cumprir ese mesmo papel? Como se mantén, daquela, a unidade das nitidamente democráticas República Francesa, República Federal de Alemaña… ou aínda desoutra –si: tamén se tata dunha república, rapaces e raparigas– que conforman os todopoderosos Estados Unidos de América? Non sei Vdes; pero non vexo que por aló precisen de reis e raíñas para semellante proceder.

“É que Leonor vai estar preparadísima cando acceda ao trono.Vai coñecer perfectamente cales son os problemas do país, como se conducen os seus habitantes”. OK, Mackey; pero… tan só ela vai estar preparada ao certo? Ninguén máis? Acaso o resto dos rapaces e raparigas que agora teñen a súa idade, tan só se van ocupar, seica, de perderen o tempo nas redes sociais, andaren de esmorga e consumiren a esgalla substancias diversas? De veras: vén ser iso o que nos tentan vender os adaís da causa monárquica?

Monarquía? Verán, cando tal me propoñen, vénme á cabeza aquela brincadeira vella (e machista, claro): “Teñamos un fillo/a –dixo ela– Así poderá herdar a miña beleza e mais a túa intelixencia!” “Teñámolo, si, pero… –retrucoulle el– e se, na vez diso, aconte que herda a túa intelixencia e mais a miña beleza?”.

Suscríbete para seguir leyendo