CAMPO DE GRANADA

Un futuro para o Fraga

Manuel Bragado

Manuel Bragado

Entre os aniversarios lembrados en Vigo este 2023, centenario do Club Celta e naufraxio do ‘Hammonia’ incluídos, non poden faltar tampouco os 75 anos da creación de Refrey en Bouzas e da apertura do Teatro Cine Fraga o 27 de marzo de 1948. Celebrada cunha función de gala ás 11 da noite, aquel sábado de gloria estreouse a película española declarada de interese nacional ‘Botón de ancla’, unha produción de Suevia films do cineasta vigués Cesáreo González, dirixida por Ramón Torrado, presente nunha función, acompañado do actor Miguel Ligero, na que se suplicaba aos espectadores que sen ser obrigado levasen traxe de etiqueta nas localidades de palcos, butacas de palco e de entrechán.

Con esa pompa quería celebrar a inauguración da que se presentaba como mellor sala de Galicia, que contaba con 1.758 butacas (máis cas do actual Auditorio Mar de Vigo), o seu propietario e promotor, o emigrante carballiñés Isaac Fraga Penedo, entón o empresario máis importante de exhibición e distribución cinematográfica do noroeste; pioneiro tamén da industria do cine en Galicia, desde que en 1908 regresara da Arxentina e comezara o seu traballo como exhibidor ambulante, que xa contaba en Vigo tamén cos cines García Barbón, Odeón e Tamberlick, onde o 14 de marzo de 1930 proxectara o primeiro filme sonoro de Galicia.

Situado na rúa Uruguai, esquina con Isabel II, ao pé de onde saía o tranvía de Baiona, o edificio do Fraga, trazado polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto en 1942, que creara na etapa anterior á guerra civil grandes cines de arquitectura moderna na Gran Vía madrileña, como o Barceló e o Europa, é unha das mostras máis significativas da arquitectura rexionalista viguesa durante a autarquía. Un proxecto ao que non foi alleo a teimosía de Isaac Fraga de crear a sala de cine máis grande e suntuosa de Galicia, na que estivesen presentes referencias da arquitectura compostelá. Unha solicitude que o arquitecto madrileño concretou no deseño dunha fachada de granito de Castrelos con balconada corrida de peitorís de ferro e decoracións neobarrocas de anxos, lazos e sartas de froitas colgando polos laterais, ao xeito das do Hospital Real, e cun ampuloso pórtico de acceso principal de formas rectangulares e frontón partido, así como polas formas renacentistas dunha galería superior de arcos entrelazados, influencia da fachada do Tesouro da catedral, e das poderosas balaustradas da coroación e os pináculos. Unha construción histórica que para Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias “expresa esa liña de acentos rexionalistas que o arquitecto, por desexo da propiedade, introduce neste emblemático edificio da cidade”.

“En 1948 foi a función inaugural da que se presentaba como mellor sala de Galicia, con 1.758 butacas, máis cas do actual Auditorio Mar de Vigo”

Referente no lecer vigués até o peche o 28 de xuño de 2001 das entón tres salas de proxección, no patio de butacas do Fraga vivíronse horas inesquecibles para varias xeracións viguesas, dende estreas míticas como as de ‘Foise co vento’ en setembro de 1951 até xornadas históricas como as de Cinegalicia en novembro de 1989 cando se estrearon as tres primeiras longametraxes rodadas en lingua galega no formato de 35 mm: ‘Continental’ de Xabier Vilaverde, ‘Urxa’ de Carlos López Piñeiro e ‘Sempre Xonxa’ de Chano Piñeiro, toda unha proeza. Como é tamén unha lembranza viguesa as horas vividas en Nova Olimpia, a discoteca que funcionou nos baixos dende maio de 1973 a agosto de 2007, escenario que inaugurou Georgie Dann e pisaron despois Tom Jones, Raphael, Massiel, Cecilia, entre outras figuras da música de finais do franquismo, renacido nos anos da movida da década de 1980.

Despois de dúas décadas das derradeiras funcións cinematográficas no Fraga e da súa adquisición por parte de Caixa Galicia para darlle un uso sociocultural, tras o comezo das obras de remodelación con esa finalidade en 2008, dirixidas polo arquitecto César Portela, interrompidas en 2011, cando xa estaban moi avanzadas, Abanca puxo en venda o edificio en 2013. Dende entón o Fraga está pechado e sen actividade ningunha, recoñecendo o seu propietario que lle procura “unha saída sostible”, o que entendemos supón polo momento continuar no ostracismo, un futuro incerto que non merece o que foi un dos espazos culturais máis emblemáticos da cidade. Non é doado aventurar cal pode ser o mellor futuro para o Fraga. Teatro municipal do que Vigo carece? Teatro provincial e sede da Deputación e do propio Museo de Pontevedra en Vigo, algo semellante ao que sucedeu co teatro Colón na Coruña? En todo caso, como propón de forma moi razoable o arquitecto José Antonio Martín-Curty, membro fundador do Instituto de Estudios Vigueses e estudoso dos cines de Vigo, “a recuperación do Fraga é unha obriga cidadá, debendo renacer co mesmo espírito no que foi concibido por Isaac Fraga: cultural”. O Fraga debe saír deste esquecemento obrigado e absurdo ao que leva sometido dende hai unha década.

https://bretemas.gal/

Suscríbete para seguir leyendo