campo do fragoso

O poder do VAR

Manuel Bragado

Manuel Bragado

Nin a ventada nin a chuvia sobre a lameira do Fragoso axudaron a que o Celta de Benítez brindase a primeira vitoria aos seus seareiros. Un misterioso cóctel de malas decisións en momentos decisivos, como a que levou a inapelable expulsión de Renato Tapia transcorrida unha hora de xogo ou un erro de concentración de Mingueza na área pequena cando faltaban apenas seis minutos, ás que engadir outra escandalosa inxerencia da sala VAR na arbitraxe, arruinaron as posibilidades celestes de obter os tres puntos cando o colexiado Hernández Hernández sinalou o punto de penalti no derradeiro minuto de tempo engadido. Unha decisión arbitral corrixida, despois duns interminables minutos de suspense, por uns colexiados capaces de medir a seiscentos quilómetros de distancia a intensidade dun claro tirón dentro da área do veterano Navas a Douvikas. Un noxento espectáculo arbitral que moito alporizou a bancada celeste que comprobou, outra vez máis (e xa van máis de media ducia de polémicas semellantes), que o Celta de Benítez non recibe o trato respectuoso e imparcial que todos os participantes na Liga merecen. Un “non penalti” que será moi difícil esquecer, sobre todo, pola posibilidade que abría para enxergar a remontada na táboa, onde os celestes continúan en posicións de descenso cunha puntuación ridícula, sete de trinta e seis puntos (menos do 20%), o que agoira descenso de categoría. É o máis lamentable do caso é que os celestes xogaron uns magníficos primeiros trinta minutos, unha boa primeira hora de xogo, rota pola lamentable e inxustificable entrada de Tapia a un rival no medio campo, que recibiu un inevitable segundo cartón amarelo, condicionando dende ese momento as posibilidades de competir en igualdade. Un bo xogo dos de Benítez ao que non foi alleo o funcionamento dunha medula renovada, na que repetía o mediocampista peruano, acompañado do descaro asociativo de Hugo Sotelo e da presenza criteriosa de Mingueza, como un terceiro medio, procurando trazar liñas interiores sobre Aspas. Un esquema que por ventura funcionou e facilitou que no primeiro cuarto de hora Larsen e Iago tivesen as primeiras oportunidades moi claras encarando ao porteiro noruegués Nyland. E abofé que o Celta saíu a gañar o partido e, ademais das transicións, insistía tamén coas xogadas de estratexia nun serán de ventada no que o balón trazou algunhas traxectorias caprichosas por inesperadas. Nunha destas accións Mingueza rematou ao traveseiro unha saque de falta de Iago Aspas, que dous minutos despois repetiría coa súa luva o Merlín de Moaña trazando unha parábola perfecta que encontrou unha fermosa cabezada do sueco Starfelt, que no punto de penalti bateu ao porteiro visitante, até entón un dos mellores sevillistas. Co marcador por diante, xa os 22 minutos, os de Benítez foron capaces de resistir a importante reacción sevillista organizada polas bandas por Acuña e Navas que procuraron os remates de Ocampos e Mariano, o que obrigou a intervir a Guaita, onte moi seguro, como tamén nun saque de falta de Gudelj no tempo engadido da primeira metade, que desviou in extremis. Tras o tempo de lecer, os de Benítez puideron liquidar o partido en varias xogadas preciosas nas que só faltou un chisco de puntería. Movido con abraiante confianza por Sotelo, o Celta soubo encarar a Nyland. Starfelt tivo nas súas biqueiras no 46’ o segundo no remate dun saque de recanto. Pouco despois, tras un cano espectacular, Iago Aspas quedou só diante do porteiro, mágoa que non puidese rematar. Mesmo tras a expulsión de Tapia e a saída do terreo de xogo de Aspas e Sotelo, o que deixou sen canteiráns ningúns ao Celta, o que non viamos dende hai moitas tempadas, tivo no 79’ até tres ocasións clarísimas de Larsen e Bamba. Con todo, o Sevilla en superioridade numérica teimou e teimou en botar balóns á área buscando unha cabezada ou remate de En-Nesyri, furado que atoparon nun erro desafortunado de despexo de Mingueza no 86’. Empate que puido ser tamén vitoria sevillista se entra no tempo engadido un cacheirón de Rakitic que se foi a Marcador. Tan desgraciado como afortunado empate deixa ao Celta de Benítez moi tocado no anímico, pola desconfianza no tratamento arbitral do VAR que recibe, como tamén pola fraxilidade no deportivo que expresa, lastrada por erros non forzados como o de Renato Tapia, inxustificables nesta categoría. A crise deportiva, reflectida na táboa clasificatoria e na falta de respecto arbitral, agravouse onte de forma considerable. Marián Mouriño debe abordala con premura.

https://bretemas.gal/