Campo de Granada

Mary Quintero no Museo do Mar

Manuel Bragado

Manuel Bragado

Tras as homenaxes recibidas en 2015 cando foi recoñecida como “fotógrafa histórica” pola Deputación da Coruña, cando o Consello da Cultura Galega lle dedicou unha xornada de estudo e as súas amizades tributáronlle un xantar de homenaxe no Balneario de Mondariz, a fotógrafa Mary Quintero (Melide, 1931) conta no Museo do Mar de Alcabre coa exposición “A imaxinación no interior do estudio”, unha escolma do seu fondo documental, que vai de 1947 a 2001, incorporado o 2 de maio de 2022 ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra mediante comodatio. Unha excelente oportunidade, despois da publicación do seu libro antolóxico, Mary Quintero. Retratista desde os 15 anos (Xerais 2015), con textos da estudosa da fotografía galega de muller Fernanda Padín, de volver achegarse a obra monumental desta pioneira e mestra da fotografía profesional en Galicia, a primeira que utilizou aquí a cor e as técnicas do retoque, conformando unha obra propia e singular, na que asumiu que a mudanza constante das posibilidades técnicas achegaba novas utilidades creativas, o que a situou na cimeira da fotografía galega durante seis décadas, desde que aos 15 anos realizou en Lugo a súa primeira exposición e aos 21 anos abriu o seu famoso estudio na rúa Urzaiz polo que pasaron milleiros de familias de varias xeracións viguesas a encargar o seu retrato fose no día da comuñón, do casamento ou dun aniversario sinalado.

Unha artista, Mary Quintero, de espírito radicalmente innovador na utilización dos avances técnicos e audaz en comprobar que non ten límites para a fantasía, capaz de atreverse aos 91 anos (si, leron ben) a expoñer por vez primeira a súa foto-pintura e abrir o pasado verán con éxito o ciclo “Vigueses con huella”, un programa de Ámbito Cultural El Corte Inglés que pretende recuperar artistas nosos. Unha mostra na que Mary Quintero, baixo o título “Inspiración”, emprega as fotografías do ámbito cotián, que confesa realizar co móbil, para pintar sobre elas con óleo, acrílico e pastel obtendo resultados visuais sorprendentes e moi vistosos. Unha técnica fotopictórica dalgún xeito continuadora daqueloutra consistente na aplicación de cor ás imaxes en branco e negro, a fotografía coloreada, que desenvolvería durante a metade da súa carreira, nos anos 50, 60 e 70, presente nalgunhas grandes pezas da mostra do Museo do Mar, como o seu propio retrato (1949), coloreado por ela e realizado polo seu pai, o da presentación en sociedade das fillas de Enrique Lorenzo (1952) ou de picariños comendo ou cortando o cabelo.

Seguindo o fío cronolóxico dos avances técnicos que introduce Quintero, dende o retoque analóxico ao coloreado, a exposición do Museo do Mar é representativa da súa concepción do retrato fotográfico dos anos corenta aos sesenta do pasado século, nos que “sabe captar os cambios na moda e na sensibilidade estética da clase media-alta e alta da sociedade viguesa”. Como tamén o é da súa utilización da fotografía a cor, a partir dos setenta, combinada con técnicas como o proxector de fondos, no que Mary tamén foi pioneira, ou tamén da súa época romántica, influída por David Hamilton, pasando pola creación de ambientes e sofisticados escenarios e vestiario de entroido, até chegar ao seu cambio de estilo a partir dos anos 80, influído pola estética punk e os anos da movida, consolidado nos 90 en retratos moi característicos como os do grupo de teatro Queizán, o actor Moncho Borrajo, a escritora María do Carmo Kruckenberg, o escultor Juan Oliveira, ademais de personalidades viguesas daquel período como Corina Porro, Horacio Gómez e Carlos González Príncipe. Remata a antolóxica de Quintero en Alcabre coa súa fotografía experimental, nunha autora que procurou a súa inspiración no cine, revistas e rótulos, deixando fóra da mostra a dimensión da súa fotografía social, tanto o retrato de grupos familiares como de cerimonias.

Chama a atención do visitante que semellante fondo documental fotográfico de Mary Quintero, milleiros de retratos de tres xeracións de familias viguesas, teña que ser conservado en Pontevedra, no Arquivo Histórico Provincial, institución estatal transferida á Xunta de Galicia. Algo que xa sucedeu co arquivo Llanos de tres xeracións de fotógrafos vigueses, conservado no Museo Etnolóxico de Ribadavia da Xunta de Galicia. Como tamén preocupa o destino que poidan ter os arquivos doutros fotoxornalistas vigueses como Magar e Cameselle, esenciais para construír o relato do Vigo das últimas seis décadas. Como preocupa o desleixo no que se atopa o Arquivo Pacheco atendido na Casa das Artes por persoal de seguridade, un tesouro esquecido e escasamente valorado polo seu propietario, o Concello de Vigo. Que sucede co patrimonio fotográfico vigués, fonte inesgotable da memoria da cidade?

https://bretemas.gal/

Suscríbete para seguir leyendo