Crer en Europa

Xulio Ríos

Xulio Ríos

Europa ten na crise de Oriente Próximo unha oportunidade de ouro para exercer esa autonomía estratéxica que di pretender. Tristemente, o liderado da Unión Europea, de signo maioritariamente conservador nas súas principais institucións, navega na dirección contraria. O seguidismo estadounidense é suicida para a política europea. A ollos especialmente do Sur global, pero tamén de moitos cidadáns da unión, Europa perde credibilidade a pasos axigantados.

De que lado estar? Debemos aliñarnos con un presidente Biden que di que o momento de inflexión histórica que vive a sociedade internacional debe encararse co financiamento dos esforzos bélicos de Israel e Ucraína e prepararse a conciencia no Indo-Pacífico para o que poida vir (Taiwán)? Ou debemos secundar as posicións do secretario xeral de Nacións Unidas, o portugués e europeo António Guterres, que apela ao cese das hostilidades, o fin do asedio ao territorio e ao pobo palestino e o cumprimento das resolucións da ONU buscando solucións inclusivas?

A magnitude do desastre humanitario en Gaza e o exterminio planificado de miles de persoas interpela a conciencia dos cidadáns do mundo. O conflito, de longa data, nunca será resolto por vía militar, por mais que Washington ou Bruxelas reforcen o seu compromiso sen límites coas autoridades de Israel e as súas medidas de vinganza. Ao contrario, exacerbarán as tensións.

Antes do actual conflito entre Israel e Hamás, que controla Gaza, chegaban alí diariamente uns 450 camións de axuda. A maioría dos 2,3 millóns de habitantes de Gaza dependen da axuda humanitaria. E a pesar dos miles de vítimas palestinas e dos ataques aéreos israelís que alcanzaron instalacións civís, incluídas as da ONU, miramos para outro lado como se todo estivese xustificado polas accións de Hamás.

“A magnitude do desastre humanitario en Gaza interpela a conciencia dos cidadáns do mundo”

Dende unha perspectiva histórica, as cinco guerras máis grandes en Oriente Medio desde 1948 foron entre árabes e israelís que implicaron tensións políticas, conflitos militares e outras disputas entre varios países árabes e Israel. O balance de conxunto é terrorífico, moi especialmente para a poboación palestina, pero nin Israel nin o mundo gañaron seguridade con esta dinámica. E Tel Aviv nunca a terá a expensas da inseguridade doutros. Pola contra, levounos a unha canella na que só un firme compromiso con outra vía, como a negociación explorada en épocas pasadas, pode abrigar esperanzas de solución.

Os Estados Unidos manteñen dende sempre unha firme alianza con Israel, proporcionándolle unha asistencia militar crucial. En 2018, Israel trasladou oficialmente a súa capital a Xerusalén, unha medida que fixo inalcanzable un acordo de paz. Aínda que moitos estados occidentais, incluído europeos, se negaron a apoiar a transición, o expresidente dos Estados Unidos, Donald Trump, mostrouse solidario con Israel trasladando a embaixada estadounidense a Xerusalén. Biden tampouco nisto se distanciou de Trump.

Aliñarse co discurso israelí e estadounidense supón unha nova morte de Europa como proxecto autónomo. Os EUA tentarán aproveitar a guerra para reafirmar a súa hexemonía nunha rexión xeopolíticamente relevante onde estaba perdendo terreo pola influencia crecente doutros actores, China moi especialmente, primando o comercio, os investimentos, a política en suma, sen facer uso de un só soldado. Como se serve Washington da guerra de Ucraína para atar en curto a Europa e revivir a OTAN avogando por unha expansión sen límites. E, lamentablemente, ofrece indicios nefastos para Asia, onde outra guerra está á espreita con idéntico propósito.

A inflexión histórica a que alude a Casa Branca ten como reto principal evitar que os cambios experimentados nos equilibrios globais na posguerra fría atopen canles pacíficas para establecer as bases dunha nova orde multipolar. Hoxe priman as resistencias en forma de guerras comerciais, tecnolóxicas, etc., nunha lóxica que dificilmente poderá impedir que a historia siga o seu curso. Europa debe analizar este contexto cunha visión propia e non subalterna.

Non son as discordancias as que debilitan a posición da UE nesta crise senón esa complicidade cunha estratexia que nos afasta dos principios humanitarios inspiradores e que sempre dixo defender, da busca da paz como ben maior e compromiso irrenunciable. Esa era a marca global de Europa. E en Gaza tamén agoniza esa certa idea de Europa.

*Presidente de honra do Igadi

Suscríbete para seguir leyendo