tRIBUNA LIBRE

O dereito á felicidade

Xosé Luna

Arriba ao meu fogar, como caída entre a chuvia reparadora da vida, unha desas historias que é quen de aloumiñar, de acariñar, a cara da Lúa. Un deses contos, cheíños de sabedoría (léase imprescindibles para a educación en valores cívicos e éticos) que nos fan cavilar, reflexionar, sobre un tema que nos ocupa e nos preocupa como seres humanos, o xénero e a intersexualidade adaptada ás infancias.

XE (Ed. Galaxia, 2023) trata dun pai que sempre quixo ter un fillo futbolista. E dunha nai que soñaba con ter unha nena loura á que poñerlle elegantes vestidos de flores. Cóntanos a historia dun neno ou dunha nena, quen sabe? Rosa ou azul? Un misterio para todo o uni(verso), que a súa creadora, a mestra e escritora, Lara Boubeta Bamio (Cangas, 1994) invítanos (léase, axúdanos) a descubrir.

Toda unha viaxe apaixonante. Que todos debemos percorrer. Unha oda á diversidade, ateigada coas cores da vida, da ilustradora Sara Valcárcel (A Estrada, 1994), na que poderemos rubir ao cumio dunha montaña, camiñar polo medio do monte, sorteando medos e prexuízos (fuxindo do politicamente correcto, tamén), á procura da identidade, da esperanza, da liberdade soñada. Procurando, en definitiva, o dereito á felicidade.