campo do fragoso

Situación crítica

Manuel Bragado

Manuel Bragado

En nove xornadas, un cuarto do campionato, o Celta de Luis Campos e Rafael Benítez está en situación crítica, con seis puntos de vinte e sete posibles (apenas un 22%), puntuación que, se non muda decontado a tendencia estatística, agoira un claro descenso na tempada do Centenario. Doenza grave que xa non poden agochar nin as queixas do adestrador tras os fracasos dos partidos, unhas veces polas arbitraxes do VAR outras pola composición do cadro de xogadores, agardando xa polo mercado de inverno, nin as apelacións ao baixo estado de forma de determinados futbolistas, que aparecen e desaparecen no once inicial sen aparente xustificación táctica, nin sequera aos caprichos da deusa Fortuna que ate o serán de onte nos negaba o gol en Balaídos. Por máis doses de paciencia e de padecer celtista que asuma estoicamente a bancada celeste, que son moi elevadas, este Celta de Campos e Benítez non semella ter un fácil amaño, como puxo en evidencia o Xetafe de Bordelás, probablemente o equipo máis antipático da categoría para as afeccións rivais, mais tamén un dos que mellor compite cos recursos cos que conta.

Non foi o de onte un partido do Celta tan penoso como o do empate co Deportivo Alavés e o da derrota no Insular no derradeiro minuto, mais continuou sendo moi decepcionante a súa asombrosa insuficiencia defensiva (os dous goles dos visitantes foron as súas dúas chegadas á porta de Iván, nin unha máis) e a súa incapacidade de superar a un rival en inferioridade numérica dende o minuto trinta da primeira metade. Porén, todo hai que dicilo non mellorou moito a xestión de Benítez dende a banda, tanto pola ausencia no once inicial de Pepiño Aidoo (con diferenza, o noso mellor central) como pola incorporación de Douvikas (o dianteiro con máis gol) faltando só cinco minutos e co rival pechado con sete chaves diante da súa porta. Inexplicable se pretendes conseguir a primeira vitoria (despois de catro fracasos consecutivos) diante da túa afección, que ben a merece. Como tampouco foi para botar foguetes o resultado da mudanza de esquema abandonando o de cinco defensas polo clásico 4-4-2, que pillou desorientados aos dous centrais celestes no segundo minuto de xogo no que Mayoral adiantou aos de Bordalás. 

Certo é que o Celta incrementou a súa produción ofensiva de forma notable, tanto durante a tolería da primeira metade como durante a segunda, sobre todo, desde a incorporación no 59’ de Hugo Sotelo que revolucionou o xogo coa súa dispoñibilidade, outorgando fluidez e propoñendo continuidade ao ataque, unha das mellores noticias do encontro. Como excelentes foron tamén as actuacións de Bamba, que no 24’ empatou por vez primeira e abriu a estatística da tempada, tras unha transición trepidante con Luca de la Torre, e a de Larsen, cun gol magnífico no 43’, nivelando definitivamente o marcador, dianteiro que mellora en cada encontro. Xaora, non tivo fortuna onte Iago Aspas, o máis frouxo dos nosos canteiráns, fose por estrelar no pau un penalti antes de transcorrido o primeiro cuarto, fose por desaproveitar outro par de remates claros na área pequena. Outra actuación moi voluntariosa e tenaz do Mago de Moaña, que agardamos poida recuperar decontado o éxito diante da porta que se lle nega desde a fin da tempada anterior, o que axudaría, como sucedeu tantas outras veces nesta década prodixiosa, a sacar ao Celta deste baixón que padece.

E como pode saír o Celta desta situación tan comprometida despois da parada desta semana? Sabemos que Benítez solicita paciencia agardando que se xeneralicen as cousas que o equipo fai ben, sobre todo en ataque, cando comezan a chegar os goles. Non ofrece, pola contra, receitas para mudar unha fraxilidade defensiva endémica, tanto con catro como con cinco defensas, nin tampouco para un centro do campo inerme e falto de dirección. Sairemos das posicións de descenso en canto o Mago Iago vexa porta? Poderá agardar a dirección deportiva e o adestrador para tapar as vergonzas das súas xestións polo mercado de inverno, onde non sería unha tolaría que o Celta mesmo perdese a algún dos seus mellores efectivos, como xa se fala nas redes? Chegará o adestrador a gozar da prodixiosa iluminación de Nadal da cidade da oliveira de cen anos? Non o ten doado a futura presidenta Marián Mouriño para afrontar a súa primeira crise deportiva.  

https://bretemas.gal/