CAMPO DE GRANADA

Que pasa co galego en Vigo?

Manuel Bragado

Manuel Bragado

Das sete cidades galegas, Vigo é onde menos galego se fala: apenas o 15,4 % da poboación viguesa afirma ser usuaria prioritaria do galego (o 49,3 % en Galicia), segundo datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística de 2018, recollidos por Fernando Ramallo, catedrático de Lingüística da Universidade de Vigo no seu libro recente (recomendabilísimo e referencial), “Que pasa co galego. 32 preguntas sobre a situación social da lingua” (Xerais 2023). Porcentaxe da cidade olívica que hai dez anos era do 24,7 %, o que para o sociolingüista vigués constitúe “un exemplo paradigmático de castelanización” e supón unha “evolución demoledora que de continuar coas condicións que favoreceron esta castelanización recente, o uso do galego será case residual nas xeracións seguintes”.

Situación dramática para o galego, semellante á de Ferrol (17,7 %), A Coruña (20 %) e Pontevedra (23 %), cidades tamén moi castelanizadas, que contrasta coas dos núcleos urbanos máis galegófonos Lugo (44,7 %) e Santiago (43,9 %), como en certa medida sucede en Ourense (33,5 %). Porcentaxes desacougantes dunha presenza xa anecdótica do galego en Vigo ás que se unen as non menos significativas do 2,1 % dos fogares vigueses nos que todos os seus membros maiores de cinco anos falan galego habitualmente, cando a media galega é do 22,7 %, e de que en máis do 90 % dos fogares vigueses ningunha persoa fala habitualmente galego, como sucede tamén en Ferrol e A Coruña, cando a media de Galicia é do 60,4 %.

Non obstante, en Vigo o cativo uso do galego non é uniforme en todo o concello, como sucede tamén no resto das cidades e áreas urbanas onde o galego xa non é a lingua que máis se escoita, xa que continúa habendo barrios, parroquias ou actividades onde hai moitos máis galegofalantes ca noutros e nas que se manteñen variedades diatópicas non sempre visíbeis no resto da cidade. Por ventura en Beade, Candeán, Matamá, Sárdoma, Castrelos ou Zamáns, entre outras parroquias citadas por Fernando Ramallo, ou nas festas populares de San Brais ou San Roque ou nos mercados dominicais de Bouzas ou durante a representación da Reconquista ou mesmo nas bancadas do estadio de Balaídos, “escoitaremos un galego vivo, sobre todo entre a poboación de máis de 50 anos”.

“O problema non é tanto que o galego non sexa utilizado polos mozos; xa non se escoita nos seus fogares”

Non é doado explicar o devalo desta presenza do galego en Vigo intensificado no que vai de século XXI, un período no que o castelán consolidouse como lingua predominante na rúa, tanto nos usos familiares e coloquiais como nas interaccións comerciais e administrativas, ademais de ser a lingua empregada habitualmente nas emisións da radio e televisión locais por parte do alcalde e dos concelleiros e concelleiras, coa excepción dos nacionalistas. Dende hai oito décadas, coincidindo coas primeiras décadas da ditadura franquista, o castelán foi devorando ao galego que quedaba nas cidades galegas, probablemente, por ser considerada como a lingua do progreso e do benestar, facilitadora da mobilidade social, un proceso que coincidiu coa imparable urbanización da sociedade galega, que en Vigo supuxo se duplicase a poboación e se fose reducindo progresivamente o número de galegofalantes.

Secasí, o problema principal para o futuro do galego non é tanto que non sexa utilizado pola mocidade como que o galego xa non se escoita nos seus fogares. Unha cuestión relevante xa que, salienta o profesor Ramallo, “a lingua aprendida en espazos alleos ao núcleo familiar non garante o seu uso, ficando, mesmo residual”. Unha inseguridade que ten moito que ver cos prexuízos cuñados sobre o uso do galego que conforman toda unha ideoloxía que deforma a percepción do idioma, dende que o galego é unha lingua que proporciona menos oportunidades laborais, educativas e sociais ca o castelán e o inglés, pasando de que falar galego é cousa de vellos ou de persoas de aldea até que é sinal inequívoca de militancia no bloque ou do pertencer ao colectivo do profesorado de galego.

Falemos galego ou falemos castelán, dificilmente contaremos os vigueses e viguesas (como o resto de galegos e galegas) cunha singularidade tan nosa que ao mesmo tempo nos diferencia e identifica como é a do idioma galego, unha alfaia milenaria de valor incalculable, patrimonio colectivo (material e inmaterial) que a todos define e a todos corresponde evitar a súa desaparición. Unha situación que non é doado reverter, mais que debe ser considerada polo concello de Vigo como unha das súas actuacións patrimoniais preferentes. Respectar a vixente e modélica Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1988, poñer en marcha un estudo para coñecer en profundidade a actual situación sociolingüística na cidade e fortalecer o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística e do Consello Social da Lingua son actuacións que non poden ser adiadas.

https://bretemas.gal/

Suscríbete para seguir leyendo