A Real Academia Galega en Mondariz Balneario

Cipriano Luis Jiménez Casas

Cipriano Luis Jiménez Casas

O concello de Mondariz Balneario nace en 1924, e é un dos máis pequenos de España con 2,31 km2, e unha poboación ao redor dos 680 habitantes. En 1925, Alfonso XIII concédelle o título de “Muy hospitalaria villa”. O descubrimento das fontes curadoras de Mondariz débese ao cura Domingo Blanco Lage (1808-1886) e foron declaradas de utilidade pública en 1873.

A explotación das augas de Mondariz, e do Gran Hotel de Mondariz Balneario de Jenaro de la Fuente (1897), están ligadas á familia Peinador. Sabino Enrique Peinador Vela (1847-1917) e o seu fillo Enrique Peinador Lines (1880-1940). Tamén chamado o Palacio mundial das augas, o Gran Hotel contaba cunhas escaleiras centrais impresionantes, 250 habitacións e un comedor para 800 persoas. No salón teatro, actuaría en 1917 a compañía da Zarzuela e Opereta, e na sala de conferencias en 1959 se proxectarían aos mellores astros cinematográficos. Ademáis, o hotel contaba cunha academia de música e canto, salas de lectura, cinema, servizo médico, correos, imprenta, moeda propia e capela. O 9 de abril 1973, o Gran Hotel foi pasto dun feroz incendio, remedo de El coloso en llamas (1974), un filme de John Guillermin.

Blanco Lage ten unha praza co seu nome na vila balnearia. Peinador Vela, unha estatua obra de Coullaut Valera (1919), e Maximino Rodríguez Fornos, médico titular e alcalde entre 1909 e 1923, un monumento de Francisco Asorey (1923).

Poetas e escritores: Vicente Risco, Emilia Pardo Bazán, Rubén Darío, Valle-Inclán, Wenceslao Fernández Flórez, José Echegaray, Pérez Galdós, Azorín, Arniches ou García de la Riega; pintores: Ovidio Murguía de Castro, Castelao ou Xabier Pousa; músicos e compositores: Jesús de Monasterio ou Jesús Bal y Gay; políticos: Largo Caballero, Miguel Primo de Rivera, Lerroux, Portela Valladares, Cánovas ou Castelar; científicos: Isaac Peral, e outras personalidades como o rei Don Carlos de Portugal, o sultán Muley Haffid, o arcebispo de Westminster ou Rockefeler III, foron só algúns dos moitos inquilinos do Gran Hotel ao longo dos séculos XIX e XX.

Peinador Lines foi membro do Partido Galeguista, das Irmandades da Fala, correspondente da RAG, protector do Seminario de Estudios Galegos, e apoia a campaña do Estatuto galego. En 1936, foi na lista do Frente Popular, sendo elixido por Pontevedra. Publicou os libros: Señores de Sobroso de la Casa de Sarmiento, a Guía turística Mondariz-Vigo-Santiago, e artigos como: Vocabulario dos cesteiros de Mondariz, na revista “Nós,” e outros na revista “Mondariz” (1915-1922) e no periódico “La Temporada” (1889-1931). Sobre estas publicacións, Francisco González Carrera & Valentín Carrera da Fundación Mondariz Templo de Agua, acaban de publicar: La temporada en Mondariz 2023, significando a dimensión cultural ao redor do balneario.

Na mente de Peinador Lines, como continuador da obra do seu pai, estaba a realización dun acto no Salón Rexio do Gran Hotel, que fora solemne e de resonancia. Recibirían en 1920 a visita dos membros da RAG, homenaxearían ao patriarca das letras galegas Manuel Murguía, e celebrarían a recepción dos novos académicos Antonio Rey Soto (1879-1966) co discurso: Las primeras obras tipográficas impresas y editadas en nuestra región (años 1494 a 1553), e a intervención de Ramón Cabanillas (1876-1959): As saudades nos poetas galegos, unha exaltación nacionalista, na cal un factor inmaterial (a saudade) convértese en carácter definitorio da natureza da Terra e dos seus habitantes e máis en garantía da súa liberación futura.

Mondariz Balneario recibirá mañá a RAG revivindo o acto no cal fixera académicos en 1920 a Rey Soto e a Ramón Cabanillas, con motivo dos 150 anos da declaración de utilidade pública das súas augas.

*Médico psiquiatra e psicanalista

Suscríbete para seguir leyendo