Segunda Feira

Cincuenta e cinco anos despois

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

A UPG, que formalizara a súa segunda fundación tres anos antes, no 1968 decidiu avantar un chanzo na ascensión antifeixista en Galicia reactivando o 25 de Xullo coma Día da Patria Galega. Convocouse, así, unha acción de masa co nome fugaz de Concentración Nacional en Compostela (CNC, en siglas que quizais querían evocar, en modo non confeso, vellas consignas revolucionarias). O movemento dirixíase contra o franquismo e defendía os dereitos nacionais de Galicia, conculcados. Tal CNC convocaba o pobo a concentrarse no Obradoiro na mañá do 25 de Xullo de 1968. O centro de operacións da campaña estaba nun lugar de Madrid, por razóns de seguridade, e o seu director fora Bautista Álvarez. Milleiros de pasquíns transportáronse a Galicia e distribuíronselles a activistas de todas as cidades e boa parte das bisbarras nosas. Nos meses de xuño e xullo tal material foi aparecendo nas rúas, festas e lugares frecuentados de Galicia. Lémbrase unha nube de papeliños sobre os tellados de Redondela que se ceibaran desde o tren en rota por un dos viadutos.

"O centro de operacións da campaña estaba nun lugar de Madrid, por razóns de seguridade, e o seu director fora Bautista Álvarez"

Á UPG uniuse axiña a Liga Democrática de Vigo cun texto magnífico que fora redactado por Afonso Álvarez Gándara, quen, daquela, formaba parte do PSG. Follas destas apareceron en moitas praias de Vigo e Morrazo en días de frecuentación masiva. Coa Liga Democrática, participaron na campaña coa UPG, outras organizacións antifeixistas, coma foron os casos do PCE (i) e ADE (na ocasión, ADEG) que, no curso anterior, tivera papel protagonista no movemento folguista da Universidade Compostelá. ADEG e PCE (i) imprimiron e difundiron cadansúa propaganda. A intención da UPG e dos seus aliados axitativos non era, realmente, unha concentración masiva no Obradoiro, senón o “salto” simultáneo de pequenos grupos, e por sorpresa, en puntos estratéxicos de Compostela, coma tal, no adro de Santa Susana coa fin de facer propaganda lóstrego entre as xentes labregas, chegadas de toda Galicia, que participaban na feira do gando.

A Brigada Político-Social e a Garda Civil descobriron, infelizmente, a verdadeira natureza e os obxectivos do proxecto da CNC, co que a cidade de Santiago foi tomada ao mencer por forzas da Policía Militar e grises traídos de lonxe que ocuparon os lugares de reunión previstos e patrullaron as rúas con armas de guerra durante todo aquel 25 xullo de 1968. En días anteriores houbera detencións e interrogatorios acompañados de tortura que lles forneceron ás forzas represivas información suficiente para abafar aquel intento audaz. Con todo, un grupo destemido conseguiu pendurar dunha árbore da zona máis frecuentada da Alameda compostelá unha grande pancarta na que, en letras epigráficas do modelo Castelao, campaba a seguinte lenda: “GALIZA CEIBE E SOCIALISTA”.

Suscríbete para seguir leyendo