Voyager

Camiñar sobre cristais rotos

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Mastígase unha tensión no ambiente difícil de dixerir. A precampaña das eleccións xerais que se van celebrar o 23 de xullo está sendo dura, sucia e chea de noticias falsas que asolagan as redes de maneira descontrolada. Resulta complicado discernir o verdadeiro do falso. Ao mesmo tempo, estamos sendo testemuñas de como empezamos a sufrir retrocesos, perdas de dereitos de distintos colectivos e a posta en dúbida de feitos tan graves coma a existencia da violencia machista, que a ultradereita quere matizar coa pátina de “violencia intrafamiliar”, un concepto que denigra as vítimas; todas esas mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas.

A censura cultural (que pensabamos que pertencía ao pasado e quedara sepultada no franquismo), empeza a abrirse camiño naqueles municipios onde goberna a ultradereita. Esta semana numerosas persoas do mundo da cultura alertaron deste grave ataque ás liberdades. Tal e como se expresa no texto, “os profesionais do mundo da cultura denunciamos a censura que está a atentar contra a liberdade de expresión, un dereito consolidado democraticamente na Constitución. Esiximos a protección dos nosos dereitos porque sen cultura non hai democracia”. A declaración acompáñase dun colaxe que recolle as últimas noticias de espectáculos censurados. Desde a esixencia da retirada de “La Villana de Getafe” de Lope de Vega (obra que a ultradereita considera unha “perversión” polas súas “insinuacións sexuais”), ata a denuncia da compañía madrileña Teatro Defondo ao Concello de Valdemorillo (Madrid), a causa do veto ideolóxico pola suspensión da función de Orlando, de Virginia Wolf. Esta cancelación produciuse co cambio do goberno á ultradereita no municipio de Valdemorillo porque “na obra hai un home que se converte en muller”. Amparo Gil, concelleira de Cultura e Turismo do municipio por Vox, alegou que foi unha decisión do equipo de goberno. Hai máis: en Santa Cruz de Bezana, un concello de Cantabria de trece mil habitantes, a alcaldesa Carmen Pérez Tejedor, a popular que goberna co apoio de Vox, censurou a emisión do filme "Lightyear" pola escena en que aparecen dous personaxes femininos bicándose. A concelleira de festas do Concello de Xixón, Sara Álvarez Rouco, declarou que, se pode, evitará contratar artistas que se expresen en asturiano. Estes son só algúns exemplos que poñen de manifesto unha regresión que lembra episodios que semellaban superados.

"A censura cultural (que pensabamos que pertencía ao pasado e quedara sepultada no franquismo), empeza a abrirse camiño naqueles municipios onde goberna a ultradereita"

Ao mesmo tempo, o xogo limpo (se é que quedaba algún rastro), desaparece por completo da batalla política. Agora mesmo vivimos nun Estado onde hai quen aplaude como lema de campaña “Que te vote Txapote”, unha frase que naceu nun mitin que deu Sánchez en Sevilla, a raíz de que un home que levaba esa pancarta foi captado por un fotógrafo. Meses despois, durante un directo no programa de TVE "Hablando claro", un cidadán arremeteu contra Pedro Sánchez empregando esas mesmas palabras. Ayuso pronunciounas tamén nunha Asemblea celebrada en Madrid e a partir dese momento o lema fíxose viral. Mais non esquezamos quen era Txapote, o exdirixente de ETA Javier García Gaztelu, autor de 55 asasinatos que acumula ata 450 anos de prisión. E mentres políticos (que debesen dar exemplo), predican con esta frase e militantes aplauden e rin o chiste, os familiares e vítimas do terrorismo afean esta humillación que xa se pode adquirir en forma de camiseta, indumentaria que se puxo de moda nas últimas semanas. Cruzar todas estas liñas vermellas é camiñar descalzos sobre cristais rotos.

Suscríbete para seguir leyendo