CAMPO DE GRANADA

Quédanos a palabra!

Manuel Bragado

Manuel Bragado

Con motivo da celebración do nacemento do poeta peripatético Carlos Oroza celebrouse no Auditorio Mar de Vigo un histórico recital do cantautor Paco Ibáñez. Organizado pola viguesa asociación cultural Évame Oroza, no inicio os poetas María Lado e Antonio García Teijeiro recitaron algúns dos versos orocianos máis emblemáticos, aos que seguiron na pantalla mostras do derradeiro traballo musical (inédito) de Luis Eduardo Aute sobre textos do autor de ‘Évame’. Introito que deu paso ao concerto no que Ibáñez (89 anos) antologou dezasete cancións do seu amplísimo catálogo, nas que homenaxeou a poesía de clásicos españois como Quevedo, Góngora e Arcipreste de Hita até voces do século XX como Antonio Machado, Rafael Alberti, Federico García Lorca ou José Agustín Goytisolo.

Hora e media de poesía e música, seguida con emoción contida e respecto, apenas rota polo humor do divertido cantor e o seu litixio imprevisto cun vaso de auga, por case un milleiro de persoas, na súa maior parte, entradas en anos. Un serán de nostalxia, tamén de memoria e de encontros agarimosos, tamén de despedida e derrotas saudosas, no que o irredutible Ibáñez, acompañado e coidado polo guitarrista catalán Mario Mas, amosou o valor incombustible da palabra como a máis valiosa das resistencias.

Embora foi a homenaxe a diversidade lingüística o que máis emocionou no recital de Paco Ibáñez, dándolle presenza, como sempre adoita, as linguas e literaturas do estado español. Acompañado do acordeonista vasco Josan Goikoetxea interpretou dous temas en éuscaro, o primeiro, “Peio Josepe”, no que lembrou a súa nai da que mamou esta lingua, o segundo, o emocionante canto a liberdade “Txoria Txori” do poeta Joxean Artze, ao que puxo música Mikel Laboa, a quen Ibáñez lembrou, como a Imanol e a Xabier Lete formando parte da tríade de cantores euskaldúns. Con todo foron as tres cancións en galego a cerna do recital do Mar de Vigo, coa presenza en escena do poeta Antonio García Teijeiro, que acompañou con enerxía e gratitude o fermoso xesto de Ibáñez de incluílas no repertorio e recoñecer así a poesía galega.

Tras a interpretación de “Que ocorre na terra?” e “Pomba”, poemas de Teijeiro, que forman parte do libro 'Un rato díxolle á lúa' (Xerais 2013), estreou en Vigo “Chove”, canción sobre un fragmento do poema “Inverno” de Celso Emilio Ferreiro, composta por Ibáñez, despois de telo feito con “María Soliña”, como homenaxe a Moraima, mais que nunca fora incluído en gravación comercial. A presenza entre o público da filla e do neto do autor de Longa noite de pedra deulle a esta estrea viguesa un carácter elexíaco inesquecible, un momento máxico inesperado.

Esta homenaxe a poesía galega e euscalduna, como a súa teimosa defensa de non utilizar anglicismos na fala cotián, como unha causa que chamou a compartir, como o entusiasmo que continúan concitando temas históricos do período tardofranquista como “Palabras para Julia”, “Me lo decía mi abuelito” ou “A galopar”, cantados polo público como himnos, fan de Paco Ibáñez un referente cívico entrañable tanto para as xeracións de militantes antifranquistas como tamén para as posteriores do desencanto do período da Reforma Política.

Unha voz que despois de máis seis décadas nos escenarios, un mito dende aquela gravación do recital no Olympia de Paris (2 de decembro de 1969), a pesar da inevitable perda de sonoridade, gañou capacidades expresivas novas e nunha quentura que, como sucedeu no serán da pasada sexta feira, chega directa ao corazón do público. Unha voz que, como salientou o nobel José Saramago, é capaz “de abrir camiños de fraternidade auténtica no espírito das persoas que a escoiten”. Unha voz que, para Manuel Vázquez Montalbán, o cantor coloca “ao servizo do coñecemento da emancipación individual e social”, consciente de que a liberdade, como os dereitos, son unha conquista nunha agra colectiva.

O emotivo e exitoso concerto de Paco Ibáñez, no que tamén vibrou no introito a voz de Carlos Oroza medrada coma trigo nas fronteiras, amosou que o Vigo literario, ademais de novela, conta con expresión poética. Unha actividade poética de manifestacións diversas, que van dende o fomento do interese pola poesía na infancia e mocidade, encabezada pola teimosía de Antonio García Teijeiro, recoñecida en 2017 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, pasando pola conservación da memoria e da obra do poeta Carlos Oroza, encabezada pola asociación Évame e a editorial Elvira de Javier Romero, ou do poeta Celso Emilio Ferreiro pola fundación que leva o seu nome e pola editorial Xerais, até o activismo en outono do Festival Kerouac de Poesía e Performance ou dos recitais e itinerarios poéticos do grupo Rompente e doutros colectivos poéticos vigueses. En Vigo, por ventura, quédanos a palabra.

https://bretemas.gal/

Suscríbete para seguir leyendo