Síguenos en redes sociales:

ao pé do farelo

Intelixencia artificial

Voulles confesar sen remorsos de conciencia que cada día que pasa síntome máis perdido neste mundo voraz do que me vexo afastado voluntariamente, porque non gusto de tantas lerias e fantasmas e inventos. Cando hai máis de corenta e moitos anos, sentado nas bancadas da facultade madrileña de Somosaguas –daquela a señora Ayuso non exercía como señora do castelo, nin tan sequera abrira os seus ollos a este novo mundo no que agora sentou real praza e fortaleza–, escoitaba, digo, falar da “robótica” e o que ía supoñer para a humanidade esta nova realidade mundial, superior incluso ao que imaxinara Aldus Huxley nas súas novelas de ciencia ficción e dende logo nada que ver co xenio de Charles Chaplin, que nos fixo reflexionar de súpeto na súa obra de arte Tempos modernos, non podía nin por asomo imaxinar que aqueles primeiros cambaleantes pasos ían levarnos ao que agora asoma polo horizonte.

Os tempos da robótica quedaron moi lonxe, os ordenadores, internet, as redes, as novas tecnoloxías superaron os primeiros pasos daquelas modernas creacións daquel momento. Pero o de agora supera todo o inimaxinable: Intelixencia artificial? Danse conta no que estamos? Din os que saben moito máis ca min, que a realidade supera sempre a ficción. Neste caso, non teño a mais mínima dubida de que é así.

Falar da intelixencia artificial, ollo, non confundir coa intelixencia emocional, que esta si que nos fai moito máis persoas e dende logo máis felices, resulta en si mesmo unha aberración, porque, se non recordo mal, o que diferencia os homes e mulleres –xa ven que sigo coa linguaxe inclusiva, para evitar improperios e insultos do tipo de machista– do resto dos seres creados como nos conta a Biblia, por Deus, en sete días, moito antes de que nos liaramos a manta á cachola e se montara este absurdo belén de sociedade e vida que se autodestrúe en tanto se retroalimenta con novas formas de destrución sen límite, pois como lles digo, o que nos diferencia dos animais é precisamente a capacidade de pensar, o raciocinio, a intelixencia, aínda que en algúns esta non pase do estadio inicial, e sexa cero patatero.

Pois se o que nos distingue e outorga o rango de superiores na escala do planeta terra, é precisamente o sermos intelixentes, agora que nos vai superar esta perigosa e terrible intelixencia artificial, pasamos a ocupar o segundo posto, vamos, que do primeiro rei do ceo imos pasar a segundo rei do mundo, como continuemos por este sendeiro costa abaixo e sen freos, imos rematar como terceiros, colilleiros, ou cuartos lagartos ou quinto viño tinto... Xa veremos.

A min falar de intelixencia artificial dame grima, preocúpame profundamente e, dende logo, penso que por ese camiño a humanidade vai cara ao abismo, un paso máis na súa autodestrución, logo do cambio climático, o quecemento global, a absurda globalización de mercados e mercadores, dos seres menos intelixentes do planeta: Os homes, ah, e as mulleres, por suposto, de intelixentes, ren de ren, claro que tampouco nada naturais, máis ben artificiais en todo e para todo.

Tristuras de intelixencia artificial, lixo e mentiras interesadas.

Pulsa para ver más contenido para ti