DE BOLINA

Os brandos poderes de Carlos III

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

“…A ver: non se ten declarado Vde., Sr. Pena, firme partidario da república? –velaí que de tal xeito vén espetarme nestes pasados días alguén de entre os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais–. “Se tal vén ser, en efecto, como se explica, entón, que se mostre tan…, poñamos que indulxente coa monarquía británica e mesmo que admita que estivo a contemplar por tv. a coroación de Carlos III?” Pois ben; como queira que poida haber aínda algúns outros/as de entre Vdes. que veñan formular semellante inquérito e como queira asemade que acepto por completo o meu “mea culpa”, nin que dicir ten que tentarei dar cumprida resposta, e decontado, nas liñas que xa seguen. Porén, e antes de máis nada, si que o teño de reiterar aquí e agora: son decidido partidario da fórmula republicana -máis en concreto e no noso caso, dunha república federal- sexa para España, para a Gran Bretaña e aínda para tutti quanti. Dito/escrito o cal, tamén debo insistir –e falamos agora do Reino Unido e de Carlos III– que acontece que a “cousa” vai de poder: exactamente, de “poder brando”. Ou postos na lingua de Shakespeare, de “soft power”.

Coido que todos e todas han de coñecer dabondo o concepto. De calquera xeito, e para refrescarmos a memoria, subliñemos non obstante que se trata dun termo acuñado polo xeopolítico norteamericano Joseph Nye en 1990, e que fai referencia á capacidade dun actor político –tal vén ser un estado– para exercer influencia sobre intereses e accións doutros actores a partir de medios diplomáticos pero sobre todo daqueles de carácter ideolóxico-cultural. Sen entrarmos agora nas evidentes interrelacións entre dito “poder brando” e mais esoutro “poder duro” –de certo, as potencialidades económicas e militares–, acontece que na cuantificación mundial do primeiro, o Reino Unido -por diante de Alemaña, os Estados Unidos e Francia- está a ocupar o primeiro posto na listaxe.

Oxford e Cambridge, desde logo, pero asemade The Beatles, The Rolling Stones ou Freddie Mercury e mais os seus Queen e todo o rock, glam, punk… e british pop habidos; o gin e o whisky; os deportivos e descapotables; os pubs;James Bond, John Le Carré, Graham Greene e mais a xente de Smiley no MI6; The Premiership; Camden Town, Notting Hill e Covent Garden; Mary Quant e as minisaias; Billy Elliot e os actores e actrices da Royal Academy of Dramatic Arts, Tolkien, Gandalf e Harry Potter…:velaí unha relación dalgúns dos compoñentes do “soft power” chegado desde a outra beira do Canal. Ese mesmo poder que, moi a pesar de David Cameron, Theresa May, Boris Johnson, Liz Truss e toda a andrómena do Brexit continúa en pé, vivo e coleando. Un poder, en fin, do que, malia as argalladas, desvaríos e malfeitorías de Andrew e de Harry (este non Potter), forma parte esencial –polo menos, até a data presente– “The Crown”.

“Poderá resistir o poder branco da Gran Bretaña unha eventual desfeita de ‘The Crown’?”

Coñecido resulta o vaticinio: “Dentro de moi pouco, tan só restarán cinco reis no mundo: os catro da baralla e mais o rei/raiña de Inglaterra.” Obxectarán algúns, acaso, que o autor do mesmo, Faruk de Exipto (e logo de perder o trono), foi errar estrepitosamente na profecía: eis que os Países Baixos, Noruega, Dinamarca… continúan a ser estados cun rei/raíña á cabeza. Vale, de acordo, ok McKey. Secasí –e dito/escrito vaia con todo o respecto por neerlandeses, noruegueses, daneses…–, de veras que se trata, no fondo e no caso dos citados países, de auténticas, verdadeiras e xenuínas monarquías? Non lles semella que máis ben constitúen unha sorte de repúblicas disfrazadas, cun presidente/a vitalicio á fronte? Eu, non sei Vdes., pero o que é unha monarquía-monarquía –e para alén desoutro, absolutamente senlleiro, caso do Xapón– tan só me vén de certo á memoria, na hora presente, esa mesma rexida pola Casa de Windsor.

Aínda en plena pandemia -en concreto, o 30 de novembro de 2021-, e despois de case catrocentos anos, a illa de Barbados viña proclamarse república (nun acto no que, paradoxicamente, estivo presente o daquela aínda príncipe de Gales, agora Carlos III). Belice, Xamaica, San Vicente e as Granadinas…, tal parece que a “febre” republicana ande desatada no Caribe; non sería de extrañar, xa que logo, que “saltase” cara ao Canadá ou que choutase aínda máis lonxe, até as costas de Australia, e é que con Camila e Carlos gobernando Buckingham Palace, a participación da monarquía no “soft power” power británico dista dabondo de alicerzar sólida como noutrora. Agora ben; a pregunta resulta agora esa mesma: poderá resistir tal “poder brando” británico unha eventual desaparición de The Crown?

“E España qué?”, preguntan por aí. Talvez nos oitenta do século pasado, o “emérito” si tivo unha certa oportunidade de vir formar parte do “poder brando” hispano. Pero logo –e parafraseando a aquel–, logo “pasou o que pasou”. Doutores/as terá a Zarzuela, pero eu estaría moi atento a que Leonor e Sofía de Borbón y Ortiz fosen dar con compañías agradables. Sabido é que nos presentes días, as repúblicas proclámanse vía Instagram.

Suscríbete para seguir leyendo