Segunda Feira

Rexurdimento e Revolución en Galicia

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

No último número d’A trabe de Ouro. Revista Galega de Pensamento Crítico, o historiador Xurxo Martínez chama a atención sobre os compoñentes especificamentes galegos daquela Revolución de 1854 que deu lugar en España ao Bienio Pregresista e que foi merecente da atención analítica de Marx e, aínda da de Engels. No libro Celanova e o vento (Ir Indo, Vigo, 1993), Xosé Benito Reza saca de currunchos tebregosos documentación do pleno municipal que tivo lugar na vila de San Rosendo o 24 de xullo de 1854. Na acta, o secretario relata como o Pobo en armas e ao toque de “generala” entrou na Casa Consistorial, disolveu a cámara e destituíu o alcalde.

Entre os dirixentes revolucionarios encontrábanse coñecidos membros da burguesía compradora dos bens e títulos do disolto convento e con eles o notario Xosé María de Curros, pai de Curros Enríquez. Compre suliñar que unha persistente tradición viña atribuíndo a Xosé María a inxusta condición de déspota familiar e reaccionario fanático. A figura deste escribano, en armas e en acción, podería incluir entre os que iluminan a historia de Francia no cadro La liberté guidant le Peuple. O alzamento popular triunfou en toda Galicia.

A Revolución de 1854, dando unha volta de parafuso impregnada polo proletariado, afondou no laicismo e na transferencia á sociedade civil das riquezas acumuladas polas ordes monásticas, esta vez so a dirección sabia de Pascual Madoz. Pero o día 2 de marzo de 1856 Galicia escribiu o colofón deste proceso ao se axuntaren artesáns e obreiros con estudantes de extración pequeno burguesa no Banquete Democrático de Conxo. Alí estiveron Murguía, Pondal, Aguirre e outros que enxergaran con ollos adolescentes a derrota das armas da liberdade e souberon dos fusilamentos de 1846 en Carral. En Conxo recitaron os poetas e vibraron acesas as voces dos xoves soñadores antes que a Revolución fose de novo dispersada.

"En Conxo recitaron os poetas e vibraron acesas as voces dos xoves soñadores antes que a Revolución fose de novo dispersada"

No 14 de decembro de 1856, a burguesía “agiotista” española e unha fracción do exército tomaba as rédeas en Madrid e, ao mesmo tempo, na “colonia de la Corte” que dixera Faraldo. O órgano de prensa progresista e protonacionalista vigués “La Oliva” foi suspendido en 1857 aínda que tacticamente sustituído por “El Miño”, sempre con Murguía e cos Chao como dirixentes eficientes do movemento.

Tras o fracaso militar de 1846 e a represión de 1856, o protonacionalismo redúcese elásticamente ao campo cultural, dando lugar ao Rexurdimento e á plenitude literaria que perdurou até hoxe contra os ventos adversos da Historia. Outros, feridos na alma despois de Conxo, pasaron a Italia para vestir a camisa vermella de Garibaldi no asalto final aos Estados Pontificios.

Suscríbete para seguir leyendo