na latitude do deza

En honra do gran Sindo

Antonio Presas

No ano 2007 a empresa Unión Fenosa solicita autorización administrativa, aprobación do proxecto dunha L.A.T. de 132 kV O Irixo-Lalín e declaración de impacto ambiental da mesma (DIA). Esa LAT, para desacougo de todos cantos se podían ver afectados polo seu trazado, pasaba por encima das fragas de Catasós como un rodillo que aplastaba, para sempre, a gran alfombra verde dun bosque caducifolio tradicional, que non só non se tiña en conta, senon que ata tiñan a “santísima” desfachatez de considerar que non existía. ¡Vaia “informes de mierda” que había por detrás de todo iso!

Por sorte, houbo, pronto, unha gran reacción social contra esa tentativa de imposición infame na que apareceron algúns valentes veciños da caciqueada parroquia de Catasós. Entre eses valentes veciños figuraba Sindo, quen, non só destacaba por ter as ideas claras, loitar contra aquela evidente inxustiza, estar disposto a participar activamente en todas cantas manifestacións houbera, senón que era unha persoa de idade alta, un “vello” (non se entenda como palabra pexorativa) de 84 anos (ano 2016) e iso convertíao nunha figura de enorme valor, nunha figura que, agora, tralo seu falecemento, se transforma nun “icono representativo”.

Que uns poucos veciños sen medo aos caciques e as cacicadas (eufemisticamente pode denominarse “presión social”) típicas deste concello e, sobre todo, na parroquia de Catasós, levanten a súa voz contra o oprobio é o maior dos valores que pode ter unha sociedade instruída e democrática, pero que, entre eles, se atope un veciño da súa idade dalle un valor moi especial, un valor inmenso, un valor “icónico”.

Toda a miña admiración por Sindo, quen foi un simple veciño dunha pobre aldea dunha parroquia ameazada do noso concello, que non tivo estudios medios ou elevados, senón, exclusivamente, os elementais, pero amosou un gran carácter, unha intelixencia innata, unha integral honestidade e grandeza de espíritu, para posicionarse do lado dos victimizados, dos que nunca protestan aínda que sexan asoballados polo poderoso, como se estiveramos nos vellos tempos da vella e arcaica Galicia señorial.

Grazas, Sindo... o teu nome sempre quedará asociado á última salvación das fragas de Catasós, a túa loita será un exemplo de gran valor pedagóxico, unha luz na silenciada escuridade da noite imposta desde os vellos tempos, serás sempre un vivo “icono” da grandeza que teñen os humildes.