Nenos, pornografia e violencia

Ana Míguez

Ana Míguez

Nesta altura xa non podemos negar que o consumo de pornografía entre nenos e adolescentes é unha realidade que afecta a súa percepción sobre o sexo e os roles de xénero puidendo estar vencellado con aspectos como a agresividade e a violencia sexual dirixida ás mulleres, sexan adolescentes ou adultas. A pornografía ofrece aos nenos que ás mulleres gustan da dominación e a violencia.

A UNICEF máis Save The Children alertan decote sobre a grande cantidade de pornografía dispoñíbel na Internet amáis da doada accesibilidade dos nenos a esta ao fornecer datos tan preocupantes como que dende os 11 anos están expostos a ver estes contidos en moitos casos de carácter gratuíto nos que non cómpre demostrar a maioría de idade. Outros estudos refiren a idade de 7 anos como iniciación a pornografía.

Procede perguntarnos se a pornografía está a “substituir” á educación sexual. Semella que si.

Organismos coma a UNESCO ou a OMS levan décadas salientando a importancia de fomentar o deseño e aplicación de programas formativos na educación sexual dirixidos aos nosos mozos pero todas as tentativas de introducilos no noso sistema educativo non obtiveron bons resultados.

Cómpre perguntarnos se isto é debido ao rexeitamento dos nosos educadores, á falla de formación destes ou a unha sorte de ideoloxía político social. A quen deberiamos responsabilizar?

A realidade é que o aumento das agresións sexuais exercida pola mocidade é unha gravísima realidade nos últimos anos onde a pornografía semella substituir a unha inexistente educación sexual.

Por desgraza non podemos ser optimistas entrementres pais, nais, educadores e Administración non actúen coa responsabilidade que a mocidade merece e precisa. Procede lembrar que estes nenos e mozos son fillos de pais de todas as ideoloxías sendo hora de que, por responsabilidade, todos os partidos se comprometan cunha educación sexual sa.

As feministas levamos décadas denunciando a pornografía e a cousificación que fai do corpo da muller porque non esquecemos que é a antesala da prostitución. Son tantos os cartos que a pornografía e a prostitución moven, que o dano pouco importa. Unha vez máis as mulleres e as nenas somos as vítimas.

Suscríbete para seguir leyendo