Un home de afectos e de palabra

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Cheguei a Vigo nos primeiros días de 1980. Se ben que os meus inicios no mundo do xornalismo xa tiveran lugar na cidade onde fora pasar a miña infancia e adolescencia, foi aquí, e nas páxinas deste mesmo diario, onde se veu desenvolver, até a data presente, o fundamental do meu roteiro como columnista habitual e responsable de suplementos dedicados ao eido da cultura. Dirixía daquela FARO o, infelizmente desaparecido, Xosé Armesto Faginas; porén, viría ser Ceferino de Blas –cuxa perda nos doe hoxe na alma a todos os que tivemos a fortuna de tratalo de perto– e na primavera de 1993 quen me encargase a coordinación de “Faro das Letras”.

Uns anos adiante, aquel suplemento de tan só catro páxinas –mais do que gardo unha moi agradable memoria– chegou á súa fin. Para min –e coido que para todos e todas os que nel colaborabamos– semellante desaparición constituíu un verdadeiro quebranto, e así llo fun manifestar, desde logo, a Ceferino. Lembro, e penso ben que lembrarei sempre as súas palabras: “Tamén eu sinto moito que o suplemento desapareza. Síntoo polo que Faro das Letras representaba e síntoo moito por ti. Pero iso si: se nun futuro, máis próximo ou máis afastado, volvemos considerar a posibilidade dun suplemento cultural en lingua galega neste xornal, e sempre que esteas disposto para tal, quero que saibas que serás sempre a nosa primeira opción”.

Foi, daquela, en maio de 2002 cando recibín a chamada. “Moncho, cando poñemos en marcha outro novo suplemento dedicado ao mundo da cultura?” En efecto, Ceferino viña cumprir o prognóstico e mais a palabra dada. Nesa altura naceu, xa que logo, “Faro da Cultura”, un suplemento de oito páxinas e que cumpriu no ano pasado os vinte anos de andaina. Nin que dicir ten, e para o número especial que conmemorou o feliz aniversario, pedinlle unha colaboración. Foi el mesmo quen tomo a decisión: “enviarei ese traballo que me solicitas, e será publicado, loxicamente, en idioma galego.”

Home de afectos e home de palabra, Ceferino de Blas –e a pequena anécdota final que veño de relatar conforma toda unha mostra de tal proceder– tamén era unha persoa de detalles, de xenerosos detalles, eses mesmos que deseñan a imaxe do amigo, do cabaleiro leal que sempre foi.