Os Camiños da Vida

Pedro Madruga en Nélida Piñón

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

A Luís González Tosar

“La patria anterior....”–soía decer o poeta arxentino González Carbalho ao se referir a Galicia. Algo así sentía pola patria dos seus antecesores a novelista brasileira Nélida Piñón que, infelizmente, ven de terminar o curso dos seus días.

Nacida no Rio de Janeiro, coñeceu o Cotobade dos seus pais e avós sendo nena. En diversas ocasións, Nélida Piñón descobreu publicamente a impresión que lle produciu de cativa, a Galícia (ela sempre escribiu asi o nome da patria anterior) dos pasados anos cuarenta. Carros de vacas, mulleres enloitadas de pesos á cabeza, carencia de todo. Deprendeu Nélida a bailar a muiñeira, mormente na romaría de Augas Santas, non lonxe de Carballedo.

De 1984 é A República dos Sonhos, de Nélida Piñón. Hai tradución galega excelente de Dolores e Carme Torres París, 2015. Trátase dun romance colectivo no que xogan fortes caracteres e se relata a estoria dunha familia de emigrantes galegos e da súa evolución no Brasil. E cal é o nome ou alcume que recibe o fundador do clan nesta novela de vocación verista? Ela podía escoller, para ser compracente coa realidade, calquera dos apelidos que se cruzan na súa propia castimonia e que son frecuentes na Terra de Montes orixinaria. Digamos que Morgade, Lois, Cuíñas, por non decer Piñón. Non foi así. Nélida vai ao celme crítico da historia da Galicia frustrada (non hai outra) e escolle Madruga.

A súa intención é evocar a sombra do personaxe máis popular, discutido e novelesco do ocaso da nosa Idade Media e do romper da Modernidade, que é, sen dúbida, Pedro Madruga, o inimigo frontal dos Reis Católicos e condutor indiscutíbel do partido da Excelente Señora dona Joana. Ás veces Nélida ordena que algunhas das súas criaturas profesen un nacionalismo galego tan explícito coma o de Cabanillas e Villar Ponte: “(...) Ás vezes deblaterava-se contra os castelhanos, acusando-os de expoliar Galícia (...) Convicto de que Isabel, Fernando e sucessores, além de privá-los de autonomia, haviam-lhes roubado a língua e o acervo dos mitos. E muitas destas lendas galegas, arrastradas pelo chão até Madrid, em meio à poeira da meseta seca e desolada (...)”.

A obra de Nélida Piñón aparece dotada de disciplina e rigor histórico así como facultada para interpretar o mito popular: velaí como ela se apodera de Pedro Madruga para acender o motor dos soños da súa, e nosa, República. Séxalle a terra leve á grande escritora.