Voyager

Bitcoin no precipicio

Ledicia Costas

Ledicia Costas

O 9 de maio de 2006 varios axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron a nove persoas no marco dunha operación contra dúas sociedades de inversión: Fórum Filatélico e Afinsa Bienes Tangibles. Nos rexistros practicados atoparon dez millóns de euros en metálico. Detrás desas detención latexaba a sospeita dunha estafa multimillonaria. O Tribunal Supremo ratificou os feitos probados na Audiencia Nacional: estabamos diante dun delito de estafa que operaba de xeito piramidal. Os clientes adquirían selos baixo a promesa duns intereses moi superiores aos que naquel momento ofrecían as entidades bancarias, e investían os seus aforros ignorando que o produto que adquirían non tiña o valor que pensaban, e que non existía ningún tipo de revalorización. Os seus aforros esfumáronse. Quen non coñece alguén que foi vítima desta estafa? Por algunha razón (o cerebro ás veces atopa conexións estrañas), desde que se popularizaron as bitcoins, cada vez que escoito este termo lembro o Fórum Filatélico. Talvez teña algo que ver a información que hai na rede. Nunha procura rápida en Internet poden atopar a seguinte definición de bitcoin: “É unha moeda que foi creada en 2008 por unha persoa descoñecida usando o alias ‘Satoshi Nakamoto’. As transaccións realízanse sen intermediarios, non hai control bancario. Non se pode usar físicamente, é unha moeda dixital. Son criptos que están na nube, cun límite de 21 millóns de moedas”. Derivado dese límite dos 21 millóns xorde outro concepto que hai que poñer sobre a mesa: a minería. Ao ser un sistema descentralizado é preciso introducir unha fórmula para comprobar as operacións e así evitar que alguén use as criptomoedas dúas veces, ou se introduzan falsos bitcoins no mercado. Ese é o traballo dos mineiros, polo que reciben unha compensación. Quen ía ser tan ousado como para investir os seus aforros en bitcoin con semellante punto de partida? Spoiler: millóns de persoas. De feito, foi unha das máis explosivas inversións dos últimos anos. Chea de riscos? Si, mais cunha rendibilidade escandalosa. A primeira transacción en dólares fíxose en outubro de 2009, cun valor de 1,309,03BT (bitcoin) por un dólar ($). Os primeiros intercambios de bitcoin por dólares tiveron lugar en 2010 a 1BT por 0,0003$. O boom sucede en 2017. O valor do BT dispárase a 3.000$ e marca as cotas máis altas chegando a alcanzar case os 20.000 dólares. A finais do 2020, en plena pandemia, a cotización subiu practicamente aos 30.000. Que está sucedendo agora? A caída ao precipicio. Quebrou FTX, a principal plataforma de negociación de criptoactivos, coa posterior fuxida dos principais inversores. Quen intercambiase a finais de 2021 euros por bitcoins, perdeu o 70% do seu investimento. Dentro de todo enredo, existe o caso dun mineiro de bitcoin que leva anos tratando de atopar un disco duro nun vertedoiro de lixo. O seu nome é James Howells, vive en Gales e minou 7.500BT nunha semana. Por despiste, o seu disco duro acabou no lixo. En novembro de 2021 o valor dese disco duro era de 315 millóns de euros. Con todo, hai unha pregunta que non deixo de facerme: Quen é Satoshi Nakamoto, o creador da bitcoin? É unha soa persoa? Un grupo organizado? Ninguén o sabe e iso prodúceme unha sensación moi desacougante.

Suscríbete para seguir leyendo