Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Influencer involuntario

As redes sociais estalan con frecuencia. Son un caldo de cultivo onde unha persoa pode pasar de ser a máis querida a ser a máis odiada en cuestión de horas. Unha elevada porcentaxe das polémicas de actualidade nacen nas redes. A última veu da man de Samantha Vallejo-Nágera. No seu perfil de Instagram, Samantha defínese coma chef, eat-girl, nai de 4 fillos e xurado do programa Masterchef. Ten máis de oitocentos mil seguidores e adoita compartir fotografías e vídeos da súa vida persoal. Patrick, o seu terceiro fillo, ocupa un importante espazo no seu perfil. É habitual ver fotos e vídeos do rapaz. De feito, esas publicacións son as que reciben unha maior atención do público. Os vídeos de Patrick son, con moita diferenza, as entradas máis populares do Instagram de Samantha. A empresaria contou que o seu fillo ten un alcume cariñoso: Roscón. O motivo é que as contraccións empezaron nun Día de Reis, durante unha cata de roscóns, e que o bebé viña con sorpresa (referíndose á condición de neno con síndrome de Down). No Instagram de Samantha podemos ver a Patrick vestido para unha función do cole, cociñando, ou falando da súa volta á escola, sempre guiado polas preguntas e comentarios da súa nai e baixo o hashtag #rosconforpresident. Patrick ten unha vida pública que Samantha escolleu para el. A repercusión dalgúns dos vídeos de Patrick é viral. Hai uns días, a empresaria compartiu un vídeo do neno chorando, cun desgusto tremendo, porque fora descuberto vendo a televisión ás agachadas e iso implicaba un castigo.

"Que pais e nais utilicen os fillos menores para crear contido nas súas redes sociais e conseguir unha certa proxección ou lograr os ansiados likes, non me parece apropiado"

decoration

O vídeo era desagradable porque o neno estaba desolado e incómodo, e a súa nai dirixíase a el dun xeito que provocaba moita tensión. As redes estouparon contra Samantha con tal virulencia que eliminou o vídeo e escribiu un comunicado. Incomódame que se expoñan as nenas e nenos en redes. Teñen todo o dereito á intimidade e considero que é necesario lexislar para protexelos. Que pais e nais utilicen os fillos menores para crear contido nas súas redes sociais e conseguir unha certa proxección ou lograr os ansiados likes, non me parece apropiado. Se ben é certo que non vai ter a mesma repercusión unha publicación compartida por unha persoa con 8000 seguidores que a que pode ter alguén con cincocentos, non podo evitar pensar na sobreexposición dos fillos e fillas nas redes sociais. É curioso observar a evolución de moitos perfís de Instagram que mutan cando nacen os fillos. Baléiranse de contidos da persoa adulta e semella que tan só hai espazo para as nenas e nenos. Existe unha necesidade imperiosa de mostrar as súas fotos no entroido, no Nadal, no primeiro día de escola, nun domingo en pixama… Creo que é un xeito de vivir vicariamente a través dos pequenos da casa. Quero rematar coa reflexión que fixo o escritor Manuel Esteban: “Sobre a desfeita do fillo da Samantha: Todas as persoas con discapacidade intelectual viven sometidas á ditadura dos adultos normativos que os tutelan durante a súa vida. Non só cando son nenos. Esa é a verdadeira traxedia (máis alá do uso impropio en redes da imaxe do seu fillo)”.

Compartir el artículo

stats