Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Angola ao día

A vitoria electoral do MPLA (Movimento Popular para a Libertação de Angola) nos comicios que acaban de celebrarse foi clara e pacífica. A pesares da importancia que reveste esta consulta, a corazón aberto dunha política internacional que ten o seu centro de tormenta no conflito de Ucraína, a maquinaria do carillón choco da UE e a fanfarria retórica da CIA non encheron o mundo de marcha triunfal ningunha. O triunfo do MPLA, nun principio non produciu, na opinión pública dominada, máis ca un silencio que delata malestar. Ou sexa que João Lourenço, actual presidente de Angola vai recuncar no seu mandato e exerceráo, se non se desata a convulsión que algúns desexan, durante os vindeiros cinco anos.

O MPLA é o partido hexemónico da independencia de Angola. Pertenceu á tendencia prosoviética dentro do Movemento dos Non Alineados ou sexa neutralista. Hoxe, o MPLA representa, dentro das actuais contradiccións internacionais, unha posición próxima ás de Cuba ou Venezuela. Dado que o presente ten raíces no pasado (recordáballo o comandante Sotomayor á UPG) a xeneralidade dos que votaron o MPLA agradece o apoio militar que Cuba lle prestou a Angola. Axuda que contribuiu a derrotar o hipernacionalismo deseñado polos EE UU e aplicado en Angola por Holden Roberto e por Jonas Savimbi. A acción de Cuba en Angola foi decisiva para, humillando o exército sudafricano, abolir o réxime racista e encher o mundo de ledicia coa liberación de Nelson Mandela.

Enfín o MPLA ten demostrado que en Angola rexen as liberdades democráticas (en calquera parte hai máis ca en Arabia Saudí ou en Marrocos, de obediencia USA), o que se amosou evidente no proceso electoral destes días pasados. Houbo un tempo, o do fascismo salazarista (sic), no cal o home máis rico de Portugal era un Champaullimaus, dono da Companhia dos Diamantes de Angola e descendente, por caso, do enxeñeiro que lle deu forma definitiva ás fortificacións de Valença do Minho no século XVIII. Hoxe, superadas as guerras civís, Angola figura entre os estados emerxentes que, debido ao seu crecemento económico, operan en favor dun planeta multilateral que o Imperio non quere mirar dediante.

Burócratas do Estado Novo, capataces, latifundistas e empresarios mineiros que enchían a andorga cos recursos de Angola, foron nacionalizados pola independencia. O mundo quedou pampo ao ser sabedor da existencia de cadros brancos e portugueses en toda a estructura orgánica do MPLA. A noticia de que a UNITA (União Nacional para a Independência Total de Angola) impugnou as eleccións, énchenos de incerteza.

Compartir el artículo

stats