Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Pé do Muro de Santa Clara

A feira de Pontevedra regulaba os ritmos da resesa burocracia provincial. Falo da década dos cincuenta do século XX. No toural que ocupaba o que hoxe é Praza de Barcelos, acordo o arraial do gado vacún. En sitio secundario, o dos porcos, que eran chamados xenericamente currinchos naquela capital. E tamén o territorio das pitas e dos coellos. As conversas e berros do campo da feira producían un rumor oceánico que rebotaba no Muro de Santa Clara. Seguramente predominaba a concorrencia de veciños da Terra de Montes. A porción da vila de Pontevedra que parece ser Morrazo (A Moureira, Salcedo) era deglutida pola masa de montañeses que baixaban á feira. A conexión visual do Salnés coa capital facíaa, cada día de feira, a figura do señor Quintillán, capador de Poio, que pasaba cabaleiro de espora de prata na súa egua cardosa. Varias prazoletas de Pontevedra especializábanse, os días de feira, no ramo mercantil que lles asignara o concello na Idade Media: a da Verdura, a da Leña, a de bacelos e plantas do Teucro. Fondas e hospedaxes florecían nos arredores do toural, especialmente na estrada de Ourense. Daquela aínda o polbo á feira non fora introducido en Pontevedra. Voltando ao muro de Santa Clara: erguíase, imponente, coma pano de fondo do acontecemento. Tras o muro, adiviñabamos a horta. Nunca pisamos aquela horta de Santa Clara, que facía parte da clausura conventual. Cando ouvimos a canción de Brassens, composta con versos de Hugo nos que se glosa o tópico do bandido e da freira namorada, imaxinamos que o conto transcorre en Santa Clara de Pontevedra. Un dos relatos do ciclo de Pepa a Loba sitúa a capitana a mexar en día de feira e onda o muro de Santa Clara coa intención de distraer os tratantes ricos. Era cando os gavilleiros que ela mandaba se facían coas bolsas ou carteiras daqueles curiosos. Xentes excepcionais aparecían no campo da feira de Pontevedra nos anos cincuenta do século XX. Coma tal os cegos das coplas co funguete das súas vociñas ou a muller exótica que vende ungüentos en canto os moinantes despachan Zaragozano e Gaiteiro de Lugo. Venme á memoria o lobo cruzado no capó dunha camioneta que os cazadores de Soutelo levaron a Pontevedra para obter alboroque do pobo. Meniños da Boa Vila abren a boca do lobo por lle mirar os dentes. Días atrás tiven noticia de que o concello de Pontevedra tomou conta do convento de Santa Clara, que será destinado a usos públicos. Ao parecer o edificio servirá para continuar ampliando o Museo de Pontevedra: Noraboa.

Compartir el artículo

stats