Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cipriano Luis Jiménez Casas

A detección temperá dos pequenos sabios

En 1943, Leo Kanner fala de “autismo infantil precoz”, un ano mais tarde, en 1944, Hans Asperger denomina este trastorno “psicopatía autista”, e comenta destes nenos que son como pequenos sabios. Desde eses anos, o concepto de autismo evoluciona de forma considerable. En 1952 fálase de esquizofrenia ou psicoses infantil, e en 1994 de trastorno xeralizado do desenvolvemento, tal como aparecía na famosa Guía de Consultas dos Criterios Diagnósticos do famoso DSM-IV americano, no que se incluían cinco subtipos e a síndrome de Asperger, como trastorno diferenciado, despois de 50 anos da súa descuberta polo propio Asperger. Será no 2013 que o DSM-V engloba a tódolos subtipos de autismos na categoría xeral de trastorno do espectro do autismo (TEA), dos cales tamén formará parte a síndrome de Asperger. A palabra “espectro” implicaría unha condición que non se limita a un conxunto específico de valores, senón que pode variar, sen pasos, a través dun continuo.

Porén, aínda nestas controversias, o TEA é un trastorno incurable que pasa de un a moitos ou de puro a complexo. Con toda probabilidade, o autismo en diferentes individuos ten diferentes causas e etioloxías e nun só individuo diferentes síntomas poden ter diferentes orixes. Os propios déficits das persoas asperger están sendo cuestionados e formarían parte da neurodiversidade. E o que aínda sería máis importante, o autismo, acorde aos criterios das autoras Uta Frith e Fracesca Happé, pasa de ser un modelo médico a un modelo social.

No autismo poden convivir problemas de saúde mental, discapacidade intelectual, epilepsia e outros problemas neurolóxicos. As mulleres diagnostícanse máis tarde porque requiren unha maior expresión dos síntomas para a súa valoración. As investigacións a miúdo exclúen as participantes femininas existindo un criterio que reflicte desproporcionadamente o autismo masculino. Pais, mestras e médicos poden non pensar no autismo cando ven a unha nena que esta a loitar socialmente. Muller e asperger, un dobre estigma! En canto a incidencia do autismo a día de hoxe suporía o 1 por 100 da poboación afectada.

"Un dos retos máis importantes actualmente é poder diagnosticar a moitas persoas adultas"

decoration

A detección temperá é fundamental de cara o tratamento da síndrome de Asperger e as sinais ou elementos a ter en conta na sospeita dunha persoa asperger poden ser moi variados, desde problemas das relacións sociais, a comunicación (linguaxe), o comportamento ou a sensibilidade sensorial. As súas manifestacións mais significativas poden aparecer arredor dos 4 a 5 anos ou mais tardíamente en plena adolescencia.

Mestres, educadoras, familias e amigas poden atopar dificultades nestes nenos na súa linguaxe ou comunicación non verbal. A nivel emocional poden ter dificultades en expresar o que sinten e resultar molestos para as persoas coas que conviven ou achegadas, o non ser conscientes dos erros que comenten e invadir o lugar do outro. Poden sentirse rexeitados socialmente por non xestionar adecuadamente as relacións sociais, que eles mesmos provocan o que lles producen incomodidade, incomprensión e illamento. Son ríxidos nas súas conductas, entenden mal os cambios ou situacións imprevistas.

As súas actividades adoitan ser rutineiras e cústanlles os xogos imaxinativos. Acostuman repetir os mesmos gustos e actividades, e poden ser sensibles a determinados estímulos como certo tipo de ruídos, olores ou luces.

Un dos retos máis importantes actualmente é poder diagnosticar a moitas persoas adultas con síndrome de Asperger, que pasaron ao longo da súa vida toda unha serie de sufrimentos e incomprensións nos que estiveron implicados familiares e amigas, que lles provocaron situacións de conflito polo única razón de ser persoas asperger.

*Director xeral da Fundación Menela

Compartir el artículo

stats