Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Vigo ás escuras

No Nadal de 1947 o alumeado público de Vigo só se acendeu a medias. Había restricións de enerxía eléctrica que afectaban ao concello, particulares e industrias. Alén de non existir máis árbores de Papá Noel que os que locían nas casas dos conveciños da colonia alemá, as luces de rúa e festa eran cousa descoñecida. Pero Barrié de la Maza soubo optimizar o suborno da entrega de Meirás ao Caudillo. O 4 de agosto de 1948 comezou a funcionar a central hidroeléctrica das Conchas, cuxa barraxe, utilizando o río Limia, paliou, ao que parece, a insuficiencia eléctrica de Vigo e terras de Turonio e Morrazo. Algo máis tarde, Franco foi inaugurar o salto das Conchas. Alí, un fato de campesiños disconformes pola violencia inxusta das expropiacións recibiuno cunha pancarta que foi considerada insolente e que o Nodo censurou. O encoro das Conchas alagou patrimonio histórico e empobreceu o mundo do val do Limia, en tanto que case facía desaparecer as localidades do Baño, Porto Quintela e outras.

Moitos anos despois, eu ouvía evocar, na taberna do Xudas, a fartura e a beleza que destruiu o salto de Barrié, sen lles dar nada en troco xusto aos que foron maltratados. En canto aos beneficiados de Vigo, eles tiveron que pagar a electricidade como mandaba o sistema monopolista español (o que segue rexendo hoxe). Este Vigo ás escuras previo ás Conchas coido que foi esquecido pola xeneralidade.

“O mundo en que vivimos está a pór en cuestión os acordos pancapitalistas que prescriben os tributos á electricidade”

decoration

Cada río de Galicia merecía un libro biográfico, e non estou a pensar coma modelo no poema de Ausonio. O Limia debía ser narrado polas agresións que sofreu o seu decorrer (falamos en auga, falamos en Heráclito). O Limia é único pola carga histórica referida a Galicia enteira e polas suxerencias que o río lle fornece a análise da xeración de enerxía e da titularidade pública que lle sería necesaria a calquera resolución racional do problema.

Nunca esquecerei aquel Vigo ás escuras. Tampouco a imaxe de Azeredo invadido polas augas da barraxe do Lindoso en virtude do convenio secreto que fora asinado por Salazar e por Franco para mal do Limia. Véxome de neno en Vilanova dos Infantes. Invaden a estrada cameóns xigantescos. Cargan as turbinas das Conchas e van escoltados por motoristas que fan oubear as sirenas. Os nenos ollabamos con admiración aquela entrada espectacular do maquinismo e da inxeñería na paz ahistórica dos territorios da raia. Hoxe o mundo en que vivimos está a pór en cuestión os acordos pancapitalistas, e cuase divinos, que prescriben os tributos á electricidade. Otero Pedrayo falou un día do “novo feudalismo de Fenosa”.

Compartir el artículo

stats