Opinión

Un Parlamento ao servizo de Galicia

Tal día coma hoxe, o 19 de decembro de 1981, botaba a andar o Parlamento de Galicia, a primeira institución da Comunidade Autónoma. Tomaban corpo as ansias autonomistas dos nosos devanceiros, os da Galicia territorial, os da emigración e os do exilio.

Teño dito que pode haber un goberno sen parlamento –España, lamentablemente, experimentou esa situación en carne propia en tempos non tan pretéritos– pero xamais poderá haber unha democracia sen Parlamento. Porque o Parlamento é a esencia da democracia.

Non se oculta que, no inicio dos oitenta do século pasado, a aposta polo autogoberno –que en Galicia contaba con sólidas raiceiras no Estatuto de 1936, referendado mais nunca promulgado por mor da Guerra Civil– suscitaba un entusiasmo limitado nas rúas.

Contan algúns dos protagonistas da primeira sesión constitutiva que a friaxe románica do Pazo de Xelmírez –era tal a austeridade que nin sequera todas as fiestras do salón dispuñan de vidros que protexesen da invernía– tiña un correlato simbólico na indiferenza que aquel Pleno suscitaba entre transeúntes do Obradoiro.

No entanto, o tempo transcorrido acabou por dar a razón aos pioneiros da autonomía galega. Ano tras ano, lei tras lei, transferencia tras transferencia, Galicia foi quen de conformar sólidas institucións propias coas que xestionar asuntos de tanta transcendencia como a educación, a saúde ou as estradas, mais tamén ámbitos inmateriais, non menos importantes, como a lingua e a cultura, de capital importancia para fortalecer a nosa identidade.

Hoxe, xa ninguén pregunta para que serve a autonomía. ¿Alguén imaxina o que tería sido a COVID-19 xestionada exclusivamente desde Madrid?

“Hoxe, xa ninguén pregunta para que serve a autonomía. ¿Alguén imaxina o que tería sido a COVID-19 xestionada exclusivamente desde Madrid?”

Con ser importante, máis aló dos quilómetros de novas estradas, autoestradas e autovías, do número de estudantes universitarios ou de FP, das camas de hospital ou novos centros de saúde, do volume de lectorados de galego en universidades de medio mundo ou dos volumes publicados na nosa lingua, por riba diso prevalece o orgullo de sermos galegos. Un orgullo lexítimo que vai a máis, sen excluír a ninguén. Fachenda do noso, compatible coa condición de españois e europeos de pleno dereito, sabedores do privilexio que supón sermos a meta da Rúa Maior de Europa, o Camiño de Santiago.

Neste tempo de crispación, cando ás veces semella que os berros se impoñen sobre todo o demais, o Parlamento de Galicia converteuse nunha insua de sosego malia as lexítimas diferenzas entre os grupos que o integran. O sentidiño que tantas veces temos invocado desde o comezo da pandemia impera tamén na Cámara que representa a cada unha das galegas e galegos.

Sexa pola forma peculiar dos galegos de encararmos a vida, pola retranca que nos acompaña desde o berce ou pola responsabilidade que se nos inculca na familia, sexa como for, o lexislativo galego consolidouse como espazo de encontro no que cada un dos seus integrantes procura convencer antes que vencer. Outra das grandezas da democracia.

Por iso, catro décadas despois do primeiro Parlamento de Galicia, é o momento de dicir grazas. Agradecemento a cantos dun ou doutro xeito contribuíron a consolidar a autonomía galega, cun recoñecemento especial aos medios de comunicación, que desde o comezo albiscaron que o futuro de Galicia debería conxugar autogoberno e democracia. Agradecemento expreso a FARO DE VIGO por esta oportunidade que nos brinda. Agradecemento tamén ás persoas que cumpriron co deber cívico de votar para elixiren os seus representantes en cada unha das once lexislaturas da Cámara galega. E recoñecemento sincero ás deputadas e deputados que antepuxeron os intereses de Galicia fronte ás súas propias apetencias persoais, acreditando que este é o mellor xeito de facer país. O país das galegas e galegos, dos bos e xenerosos.

*Presidente do Parlamento de Galicia

Suscríbete para seguir leyendo