Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Miguel Ángel Santalices Vieira

Mil primaveras máis para Galicia

Para os letraferidos, achegármonos á figura de Álvaro Cunqueiro constitúe un reto, pola diversidade, complexidade e extensión da súa obra e, ao tempo, unha íntima satisfacción derivada da infinita capacidade do fabulador.

Sexa pola razón que for, Galicia é berce de persoeiros e feitos históricos fascinantes, que, en moi contadas ocasións, foron obxecto do recoñecemento que merecen. En Álvaro Cunqueiro temos un caso paradigmático. Poeta, novelista e xornalista brillante, levou unha vida de estreiteces –agás, probablemente, na etapa do FARO DE VIGO–, de incomprensión e mesmo de reproches inmerecidos.

As vivencias da súa infancia nunha cidade tan evocadora como Mondoñedo, a súa capacidade de observación do xénero humano –para a que contaba cunha atalaia privilexiada na botica familiar–, e unha infinita curiosidade intelectual constitúen, probablemente, os alicerces nutricios do universo cunqueiriano.

Teño para min que o realismo máxico que tradicionalmente se relaciona co boom da literatura latinoamericana ten fondas raiceiras galegas, malia que non sexamos quen de as reivindicar como merecen. Lendo a Cunqueiro, calquera pode concluír que o autor de Merlín e familia ou Escola de menciñeiros cultivou con extraordinaria mestría o realismo máxico, mesmo antes de que fose popularizado por García Márquez e tantos outros.

Alguén dixo que o mellor xeito de sacar proveito da inspiración é actuar con disciplina para que, cando as musas nos visiten, nos atopen traballando. Disciplinado ou non, Cunqueiro foi un autor prolífico ao que un dos seus biógrafos, Xosé F. Armesto Faginas, atribúe nada menos que 25.000 artigos, e iso sen contar outros xéneros.

Como presidente do Parlamento interésame especialmente o perfil galeguista de Álvaro Cunqueiro: militante do Partido Galeguista, colaborador da revista “Nós” da man de Ánxel Casal, apaixonado defensor do Estatuto de Autonomía de Galicia sometido a referendo en xuño de 1936, e sempre comprometido coa nosa lingua, principal sinal de identidade de Galicia e dos galegos.

"A experiencia destas catro décadas de autogoberno constitúe un motivo de orgullo para todas as galegas e galegos, pero tamén de homenaxe e recoñecemento aos nosos devanceiros"

decoration

“Habitamos, por humilde que sea, casa propia y la queremos respetada, no asoballada”, escribiría décadas despois, en 1977, nun xornal madrileño, en defensa das aspiracións autonomistas de Galicia. Fiel aos seus ideais, e coas forzas xa minguadas, apoiou con entusiasmo a campaña de apoio ao vixente Estatuto de Autonomía sometido a referendo en decembro de 1980.

Lamentablemente, a vida de Cunqueiro apagouse cando a Autonomía galega daba os seus primeiros pasos, hai agora 40 anos.

A experiencia destas catro décadas de autogoberno, nas que Galicia foi quen de erixir as súas propias institucións e xestionar a súa autonomía política, respectando e facéndose respectar, constitúe un motivo de orgullo para todas as galegas e galegos, pero tamén de homenaxe e recoñecemento aos nosos devanceiros, que, ao longo da historia, soñaron cunha Galicia dona do seu destino, como Cunqueiro e tantos outros.

Cunqueiro é o autor e protagonista do epitafio máis coñecido, e tamén o máis fermoso, de cantos se teñen escrito na nosa lingua: “Eiquí xaz alguén que, coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.

Hoxe, corenta anos despois do seu pasamento, grazas ao traballo de Cunqueiro e de todos os que coma el consagraron a súa vida a este noso vello reino, agora dono do seu futuro, Galicia camiña con paso firme cara a esas mil primaveras máis.

Compartir el artículo

stats