Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Darío de Saor

A sexta feira X.L. Méndez Ferrín despedía nestas páxinas de FARO DE VIGO ao seu amigo Darío Xohán Cabana Ianes nun artigo extraordinario no que salientaba a Grandeza do escritor que dende o pasado 17 de novembro é xa memoria. Un adeus dorido que compartimos para o que foi gran poeta nacional de Galicia, mestre e carpinteiro das palabras escollidas da estirpe popular, un dos nosos grandes escritores de todos os tempos, que como brillante ourive literario cultivou en solitario, lonxe de modas e vaidades, os territorios da beleza no poema, na novela, no relato, no ensaio, na divulgación histórica, na tradución e na propia edición dos seus libros máis amados. Saudade tamén para quen no pouso dos afectos foi un amigo agarimoso de xenerosidade desbordada, anfitrión de acollida entusiasta na casa de seu do núcleo lugués de Romeán, conversador de espírito retranqueiro, erudito e curioso, mais tamén para o militante comprometido dende rapaz, acreditando fidelidade inquebrantable coa causa da súa Terra, dos seus humildes e da súa lingua.

Nacido no berce dunha familia labrega partidaria da Frente Popular na parroquia de Roás (1952), que describe de forma memorable no comezo do relato “Rubén Cruzoi”, publicado no seu libro Vidas senlleiras (Xerais 1992), como “verdadeiro corazón da Terra Cha, onde os carballos son máis fermosos ca en ningún outro lugar da terra, especialmente en primavera, cando comezan a follecer”, Darío foi dende moi novo amante das novelas de Dumas e Verne que lle traía de Lugo o seu padriño. Querenza lectora que xa nunca abandonaría, como a da súa pulsión de poeta natural que alentou Manuel María, o primeiro dos seus mestres, tamén o seu primeiro editor daquel Home e terra na colección Val de Lemos das Edicións Xistral. Querenza que se multiplicou durante a súa estancia viguesa (1971-1975), na que traballou nas Edicións Castrelos de don Xosé María Álvarez Blázquez, a quen consideraba tamén o seu mestre e editor revolucionario en lingua galega, anos decisivos nos que afondou no coñecemento da literatura galega, casou con Amelia Outeiro Portela, a súa compañeira de vida, a quen coñeceu na viguesa Estación Marítima, e na que forxou a súa amizade e colaboración con X.L. Méndez Ferrín, o terceiro dos seus referentes literarios e políticos.

“Conversador de espírito retranqueiro, erudito e curioso, mais tamén militante comprometido dende rapaz”

decoration

Estadía viguesa na que Darío se formou como editor na libraría Anticuaria Monterrey de Pi e Margall, a sede de Castrelos, dende a que don Xosé María en pleno tardofranquismo con múltiples iniciativas editoriais procuraba un novo rexurdimento literario, o de profesionalizar a edición do libro galego e ampliar o seu público. Velaí aquelas coleccións populares de libros de peto O Moucho e Pombal sobre as que tanto traballou o Darío, tanto na súa mesa de edición e distribución Galicia adiante nos máis diversos puntos de venda como na súa venda ambulante en feiras e vilas cunha furgoneta que levaba o rótulo de “Amigos das Letras Galegas”. Unha experiencia editorial que sei foi marcante para o Darío, fundador de Edicións da Curuxa, nas que publicou algunha das súas traducións de clásicos como Os trobadores da Occitania (2014) e a reedición do Cancioneiro (2012) de Francesco Petrarca, pola que xunto a súa versión d’ A divina comedia de Dante recibiría a Medalla de Ouro do concello e Florencia (1991), un fito na súa traxectoria literaria e na da propia cultura galega. Espírito de editor moderno que impregnou a súa obra como narrador, na que desenvolveu un proxecto de grande calado para a novelística galega de fin de século XX ofrecendo títulos cimeiros, convertidos hoxe en clásicos, como Galván en Saor (Xerais 1989), O cervo na torre (Xerais 1994) e Morte de rei (Xerais 1996).  

Darío volveu para sempre a Saor, o territorio literario do seu Roás natal, como fixera Galván, o sobriño do rei Artur, canso de andar polos camiños dacabalo dunha moto procurando castelos e princesas e ao vello Merlín, dono das forzas do mundo. Quedamos coa proeza deste texto que anosou a materia de Bretaña coma fixera o seu mestre Ferrín, mais tamén co resto da súa media ducia de novelas e coas súas habilísimas traducións da Vida nova (Espiral Maior 1994) de Dante ou dos Tres mosqueteiros (Xerais 2000) de Alexandre Dumas. Quedamos cos extraordinarios relatos de Vidas senlleiras (1992) ou a súas divertidísimas obras infantís, como O avión de Cangas (Xerais 1992) e Aventuras de Breogán Folgueira (Xerais 1990), que formaron o lectorado de varias xeracións. Quedamos cos seus sonetos e poemas de amor e morte que forman parte dos seus Vinte cadernos (Xerais 2003), libro esencial no seu catálogo que reúne a case totalidade da súa poesía (1969-2002). Unha memoria literaria amplísima, un legado para o lectorado do futuro. Os camiños da vida son longos e ancho é o voo do falcón, admirado Darío de Saor.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats