Opinión | Os camiños da vida
Teatro galego no Século das Luces
No ano 1707 foi representado na Coruña o “Entremés galego ao feliz e real parto da nosa Raíña”. Esta peza pasaba, así, “de la musas al teatro” por obra de Salvador Francisco Roel, e debeu de ser ben acollida pois apareceu impresa pouco máis tarde, entre 1710 e 1711. Era pretexto do “Entremés” o nacemento dun príncipe en Madrid, fillo de Filipe V que, ao mellor, é aquel mesmo que, xa mociño, aparecerá no “Coloquio” de Sarmiento no enterro do seu pai e montado nun dos facos de raza galiciana dos que falou Cervantes. Pesou sobre esta obra unha lousa de silencio tan gravosa coma as lousas que levaba cargadas o marido “gamo” de Inês Pereira na famosa farsa de Gil Vicente.
O caso é que o opúsculo do “Entremés” foi descoberto por Juan González Montañés, erudito que ben sabe guiarse polas toupeiras e concavidades en procura de vestixios literarios que dormen esquencidos en arquivos e bibliotecas. Felizmente, o “Entremés” reditouse co contributo histórico-literario de Ramón Mariño Paz. E ben, o tópico dos “anos escuros” das letras galegas parece que sofreu o impacto desta descoberta e que foi atinxido por un torpedo coma nos xogos dos submariños da nosa infancia.
O tópico pesimista dos “séculos escuros” está, pois, tocado. Pero non foi por completo afundido e as súas crebas seguen a contaminar as praias máis arredadas da historia literaria da nosa Idade Moderna, que é onde brilla, pé da Torre de Breogán, o “Entremés” de Salvador Francisco Roel, quen non sei se lle porterá algunha relación familiar ao inesquencíbel poeta e filólogo Xiao Roel.
“O tópico pesimista dos ‘séculos escuros’ está tocado. Pero as súas crebas seguen a contaminar as praias máis arredadas da historia literaria”
Sexa como queira, durante o século XVIII houbo en Galicia luces literarias contra a escuridade e, polo que imos vendo, cada vez aparece maior cantidade de textos esquencidos en galego, algúns deles pertencentes ao xénero dramático no que a retórica de que procedemos coloca os chamados “entremeses”. Este de Roel foi debidamente editado pola Laiovento no ano 2019. Áchase, polo tanto, ao dispór de quen queira lelo e incorporalo a súa biblioteca particular.
Pero non podemos esquencer que as obras dramáticas, por moi impresas que circulen, non son verdadeiro teatro até que as palabras non encarnan os órganos de fonación e na mímica e xestualidade de homes e mulleres de carne e oso en función de actores e en presenza dun público. Airiños, a compañía teatral de Rianxo “inatacábel aos ácidos e infusíbel ao soplete” (palabras de Castelao) está chamada e reclamada por Anxo Angueira para representar o “Entremés Galego” con toda a riqueza literaria e emocional que conservou co paso dos séculos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Consiguen detener al conductor de un camión que circulaba sin control por la A-55 debido a una crisis diabética
- Niño Becerra enciende las alarmas: «Si vamos a peor, en verano podemos llegar a una situación Covid de paralización de la economía mundial»
- Sorpresón en Pasapalabra: Rosa gana el rosco y se lleva el premio
- El caso de los asesinatos de cuatro hermanas gallegas
- Las primeras trabajadoras idearon el nombre de Zara para aprovechar un rótulo ya fabricado
- Si tengo el ácido úrico alto, ¿qué debo comer, y que no, para bajarlo rápidamente?
- Hallan semen de tres varones distintos en el caso de la violación de San Campio de Porriño
- La desconocida playa de la ría de Vigo que estrena bandera azul este verano: está a un paso del centro urbano