Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Ascensión á Casa da Neve

Frei Martín Sarmiento veu a Celanova na súa viaxe a Galicia, a mediados do século XVIII. El residía nunha cela conventual de Madrid en conversa quevedesca con libros doctos, contertulios ilustrados e defuntosdos que non se van de onda un. En Celanova, Sarmiento deplorou a pobreza da biblioteca do mosteiro e decidiu ascender aos altos ditos Casa da Neve, que representan un couce do macizo do Leboreiro sobre o val do Sorga (hai outro Sorga que cantou Petrarca).

Sarmiento galga, pois, a plataforma usada polos frades para montar a cabalo e que continua a estar no mesmo portal do claustro barroco hoxe. Para rubir á cabalaría, se cadra, el traba na basta da sotana, igual que traban os abades do Barroso nos contos de Bento da Cruz. Sarmiento escarránchase sobre un espléndido macho obtido de burra grande e cabalo do Xurés. E inicia, así, Sarmiento, tras cruzar o regueiro da Serra, a ascensión á Casa da Neve asistido dos seus espoliques. E chega a un sitio aínda hoxe virxe, en parte, para a arqueoloxía, pero presente en instrumentos escritos e na viva memoria mítica. O segundo convento de Celanova, sempre San Salvador. O castelo de nome múltiple Belvís que soa co son de ave repipi. A cidade maldita de Cachiquimbra. Un menhir no que o excursionista pode adiviñar ofidios insculpidos.

As eólicas non teñen nombres propios humanos nos seus cartóns de visita; son propiedade da “plutosfera” ou película de riqueza insolidaria que cobre parte do planeta coa morbosidade dun cancro

decoration

Non parece importarlle moito a Sarmiento o depósito de neve que os frades construíran por prepararen os seus reposteiros sorbetes de verán. Cando escribimos esta columna, o espazo ao que chegou Sarmiento nas portas da Contemporaneidade, vai ser profanado e destruído. Hoxe os recursos da Xunta de Galicia dedícanse, en presunta aplicación cultural, a optimizar a fraude histórica do sepulcro apostólico de Compostela. En política ambiental, a Xunta amosa a súa vera faz de incompetencia co abandono do parque natural do Xurés, non lonxe da Casa da Neve. Alí van erguerse sete muíños xeradores de enerxía eléctrica cuxos alicerces ciclópeos reducirán a cisco un subsolo riquísimo en información histórica e prehistórica. Os sete muíños non anuncian que vaian ser abolidas as actuais tarifas da “luz” que esmagan a todos os consumidores populares do Estado Español.

As sete torres serán moitas veces máis altas ca a das campás de Celanova e a de menaxe do castelo de Vilanova dos Infantes, segundo sinala didacticamente Xosé Benito Reza. Tal sacrificio faise en holocausto aos deuses sen rostro do grande diñeiro sen patria. Concellos e veciños recibirán o óbolo ilusorio do indíxena colonizado. As eólicas non teñen nombres propios humanos nos seus cartóns de visita; son propiedade da “plutosfera” ou película de riqueza insolidaria que cobre parte do planeta coa morbosidade dun cancro. Por iso mañá, moito pobo que considera que os vestixios do pasado e mailo vento son patrimonio nacional, poñeránse en marcha polas vereas de Cañón e Amoroce, até coroar a Casa da Neve seguindo os pasos de Sarmiento. Deséxolles aos particiapantes un bo camiño reivindicativo.

Compartir el artículo

stats