Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Saudade e perda de Casa Gazpara

Seica a da Gazpara, casa famosa de “viños e comidas” cuxa porta principal se abría á Praza da Princesa de Vigo, cesou na súa actividade. Moitos arelamos unha reapertura continuista. De mozo, frecuentei a Gazpara. Era taberna céntrica e despachaba uns callos moi ben considerados na cidade. Ofrecía a Gazpara algunhas singularidades que a convertían en espazo de ficción.

Dentro da taberna, por exemplo, unha señora maior tiña aberto un estanco oficial, con bandeira española incluída, que despachaba mesmo papel de Estado. Decíase que a Gazpara, alén da súa porta principal da Praza da Princesa, dispuña doutra, clandestina, que daba á da Constitución. Daquela eu colaborei no proxecto dunha película de acción que Cribeiro nunca chegou a filmar. No guión, un “caco da Ribeira” fuxía polos Cesteiros (ou Rubín) arriba perseguido pola policía a causa dalgunha falcatruada que non quero lembrar. Tras fracasar no Chabolas, en manobra de distracción, o fuxitivo terminaba bulrando os seus perseguidores grazas ás dúas portas da Gazpara.

No Vigo da miña xuventude falábase de certa categoría social na que se incluían mociños, e non tan mozos, especializados en lle furtar ás carrexonas unha boa pescada, un señor rodaballo ou un cumprido peix-sapo servíndose de ganchos dos usados no oficio polos traballadores portuarios. En Vigo, eran chamados cacos da Ribeira pero recibían tamén o nome de “bichicomas” (de orixe inglesa). Era un tempo no que os vigueses soían falar da Ribeira con veneración. Ao se alonxar o mar pola construción de novos peiraos e, finalmente, coa desfeita degradante de “ abrir Vigo ao mar”, os cacos da Ribeira extinguíronse.

O esquencido artista Ernesto Bao debuxaba e pintaba moi ben os bichicomas ou cacos ou raqueiros da Ribeira do Berbés en estampas que tiñan un pé literario ao modo de Castelao. E isto vén a conto porque na Casa Gazpara lucían unhas grandes pinturas murais nas que figuraban os cacos que Bao alí pintara, digamos que na década dos cuarenta do século XX. Espero que non se vaian perder estas pinturas que son testemuña da historia social e sentimental de Vigo, no caso en que a Gazpara volva a abrir portas á Praza da Princesa, e, posibelmente, tamén habilite o acceso segredo pola da Constitución. Tamén fago votos porque, na súa segunda vida, Casa Gazpara non perda o seu nome.

Compartir el artículo

stats