“Xa vén, empurre só un pouquiño máis”. A matrona guiaba a Ana e esta xa quería apertar contra o seu peito a Irene cando a pequena só albiscaba a saída. Unha luz rachara a cavidade calma e quente na que ese feixonciño abrollou á vida. Proviñan voces do exterior e tamén berros desesperados que remataban sen preaviso cos silencios. Tratábase do mundo dando a benvida.

A muller descargaba na man de Manuel, encarnada pola presión, a dor da bioloxía. Atopou forzas onde semellaba que xa non quedaban, despois de quince horas de traballo de parto. Ana rexeitara a epidural. Era o seu primeiro fillo e desexaba respectar ao máximo o proceso natural. De feito, contratara unha doula para un traballo de acompañamento para dar a luz na casa, pero o ritmo de contraccións desaconsellábao. Irene tería que nacer no hospital. Porén, Ana non deixou marxe algunha aos imprevistos. Coa matrona que se encargou do seu seguemento durante a xestación, acordara un plan B: pariría na bañeira do servizo de maternidade.

Así que Irene mudou un medio líquido por outro. Saíu do único universo que coñecía e somerxeuse uns centímetros na pía. Aínda que breve, porque a enfermeira rescatouna de seguido, foi o primeiro baño compartido, como esa vez inicial, uns anos despois, na que descubriu as ondas da praia da Lanzada subida aos ombreiros de seu pai. Na bañeira, Ana termaba de Irene por unha cordiña de pel que agromaba do seu embigo. Suxeitándose ao pescozo do papá, en Sanxenxo, sentíase tan segura e igual de preto. Atalaiba os movementos maxestuosos do océano e o rebumbio no areal desde ese alto, que ela cría o outeiro máis elevado do planeta.

En ningunha época como na nenez é tan estreita a conexión cos pais. Cando ese amor é san e verdadeiro permanece no decurso da vida. A catro meses de cumplir os dezaoito, Irene alongaba o abrazo con seu pai. Con súa nai ausente dende había catorce semanas, mirando pola ventá a un punto indeterminado e cunha ollada esvaída, sentía de novo a presenza física del como un refuxio seguro, como cando se aproximaban as ondas na Lazada. Sucedía o que conta Ledicia Costas na novela ‘Infamia’: “Non existe mellor lugar que a pel doutra persoa para contrarrestar os invernos do mundo (…) É bonito saber que hai alguén aí, disposto a quedar”.