Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Na de Xosé Cornide

Por industria de Barrié, non só Meirás senón tamén a Casa de Cornide pasou a poder de Franco, neste caso con especial participación de Carmen Polo na operación fraudulenta. Falamos da casa en que naceu e na que morou Xosé Cornide Saavedra e Folgueira, enciclopedista do século XVIII cuxo corazón latexaba sempre en Galicia. A Casa de Cornide asenta alicerces na Coruña, e hoxe segue usurpada polos descendentes de Franco e Polo. Parece que unha vez concluído o caso Meirás, os tribunais resolverán reintegrar a Casa de Cornide ao concello e pobo da Coruña. A Casa tomada de Cornide é unha construción senlleira. Érguese por frente á bela colexiata de Santa María do Campo. Entre ambos predios loce un dos cruceiro antigos de Galicia. Entendo que, a do Campo, é a derradeira colexiata galega que subsiste coma tal cos seus abade e cabido. Cando os xuíces devolvan a Casa de Cornide á Coruña, a cidade destinaráa a algún uso comunal e cívico. Si, a Casa é xurdia: a súa construción participa da ausencia de ángulos que foi caracterizada como rococó e nótaselle a severidade funcional que distingue os proxectos debidoa a enxeñeiros militares. Esta Casa, nun futuro non lonxano, será de uso social aberto, recibirá visitas conducidas por cicerone nas que se vai desenvolver un discurso histórico aínda non divulgado.

Como toda casa, está habitada por memorias ou pantasmas que poderán amosarse aos que acodan a coñecer a historia e a lenda da mansión. Pantasmas feramente humanas, diríamos pedíndolle permiso a Blas de Otero. E moi distintas das pantasmas antipáticas que ninguén poderá desapegar das Torres de Meirás. Ás pantasmas da Casa de Cornide poderíaselle aplicar o proverbio de Petronio: “Phantasía non homo”. Sentirase como principal o espectro do Cornide que se revela con perruca discreta, chapeo de tres cornos e unha casaca azul mariño que lembrará aquela de Nelson que se conseva en Greenwich. El escribira de peixes de Galicia e andaba preocupado pola economía pesqueira. Cornide, sabio patriota, é autor dun glosario de voces galegas. Polo cal esta pantasma vai emitir a máis da súa psicofonía en idioma galego.

Tamén poderá sntírselle pronunciar, con infinita admiración, o nome dunha dona: María Francisca de Isla. Visibilízase, entón, aquela que fora coñecida coma a Musa Compostelana. Evocación do Eterno Feminino de Goethe, María Francisca, viste bolero e leva na man un tomo da Encyclopédie, en canto, nas estancias da Casa, se esparexe unha musiquiña de laúde e violín ao modo Bocherini.

Nunha regandixa do teito percébese a luz duns ollos inquedos. Son os de Sarmiento que investiga o futuro da lingua galega que está hoxe en perigo por causa de gobernantes da caste da xente que ocupa a Casa de Cornide. A min pareceríame moi ben que fose instalado na Casa de Cornide un Museo dea Ilustración e do Racionalismo galegos. Así a pantasma de Cornide estaría na súa Casa para sempre, sempre, sempre.

Compartir el artículo

stats