Suscríbete BLACK WEEK

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

O ceo en galego

A Óscar Sánchez, Martin Pawley

Dende a aparición do cometa Halley en febreiro de 1986, que non regresará até xullo de 2061, entendín a fascinación que a observación astronómica provoca nas crianzas e nas persoas maiores. Desa pulsión netamente humana de ollar o ceo naceu o interese de todas as culturas por estudar os obxectos celestes e os fenómenos no Universo, sendo a Astronomía unha das ciencias máis antigas da humanidade. As primeiras observacións astronómicas, consistentes en debuxos e artefactos creados na prehistoria coa pretensión de documentar o que se vía no ceo, serviron para medir o tempo e incrementar a precisión dos calendarios agrícolas.

A humanidade comezou a nomear os grupos de estrelas co propósito de orientar aos viaxeiros e aos navegantes sobre océanos e mares. Así apareceron as “constelacións”, padróns do ceo nocturno formados unindo as estrelas, un exercicio presente tanto nas culturas china e maia como na grega. Ptolomeo inventariou no seu Almagesto (século II a. C.) 48 grupos de estrelas recoñecibles polo seu debuxo no ceo nocturno. Entre estas constelacións, foron as doce primeiras ás do zodíaco: Augadeiro, Carneiro, Cangrexo, Capricornio, Xemelgos, León, Balanza, Peixes, Arqueiro ou Seteiro, Escorpión, Touro e Virxe. Entre as restantes, unhas utilizan nomes da mitoloxía grega como Andrómeda, Dragón, Centauro, Hércules, Orión, Pegaso, Perseo... e outras nomes como Lobo, Lebre ou Serpe, pola semellanza da silueta destes animais coa unión das estrelas que a compoñen.

Constelacións cuxo número foi ampliado dende a Idade Media, en boa medida pola navegación no hemisferio sur que descubriu a ollos europeos algunhas aquí invisíbeis ou formas incompletas doutras. Identificáronse así constelacións con nomes de animais “exóticos” como Camaleón, Pomba, Ave Fénix ou Peixe Voador, doutros animais como Raposiña ou Lince ou dos propios instrumentos de observación como Escuadro, Telescopio, Microscopio ou Retículo. Constelacións que en 1930 a Unión Astronómica Internacional fixou en 88, sendo as identificadas na actualidade.

A pasada semana a Real Academia Galega aprobou unha proposta normalizada e oficial destas oitenta e oito constelacións. Unha listaxe (dispoñible na rede) froito da colaboración entre o Seminario de terminoloxía da Academia e dun equipo de astrónomos formado por Salvador Bará, profesor de Óptica da USC, Martín Pawley, membro da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e Dosi Veiga, impulsor de Ceos Galegos. Unha relación que, como sucedera coa iniciativa de nomear a estrela Rosalía de Castro da constelación de Serpentario tamén chamada Ofiuco, e do seu exoplaneta Río Sar, outra iniciativa da Agrupación Ío, pon o ceo en galego, sendo outro avance decisivo para a incorporación da nosa lingua no ámbito científico, froito dunha colaboración entre astrónomos e lingüistas. Unha iniciativa que continúa outras actualizacións recentes do vocabulario técnico matemático e dos nomes dos elementos químicos, desenvolto pola Academia con idéntico procedemento.

Esta iniciativa de fixar o nome das constelacións, únese neste ano ademais á publicación de “Grandes Ideas da Astronomía” (2020), un texto colectivo escrito por astrónomos de universidades e observatorios de todo o planeta, traducido para o galego polo incansable Martín Pawley, activista de todas estas propostas de alfabetización astronómica e galeguización científica. Un libriño delicioso, que se suma ao mapa do ceo despregable tamén publicado pola Agrupación Ío, configurando un modelo de divulgación científica de calidade e de aproveitamento didáctico, que responde as preguntas esenciais que se formula a Astronomía actual: dende cal é o valor do ceo nocturno e o perigo da contaminación luminosa, pasando pola estrutura do universo e o seu funcionamento até cal é a utilidade da cosmoloxía e astronomía no desenvolvemento doutras tecnoloxías, entre outras cuestións apaixonantes.

Iniciativas necesarias de alfabetización e divulgación astronómica vencelladas á unha utilización normalizada da nosa lingua, amosando que o emprego do galego na ciencia e na tecnoloxía amplía o noso horizonte e enriquece o noso patrimonio colectivo. Iniciativas que se ofrecen como un antídoto eficaz de tolerancia para inmunizarse dunha nova onda do virus do hexemonismo lingüístico, recuperado como manobra distractoria conservadora no debate da LOMLOE (a lei que modifica a lei Wert, aprobada polo PP en 2013) sobre a utilización vehicular das linguas oficiais na escola e sobre os seus niveis de competencia ao remate da escolarización.

Si, ollemos o ceo en galego, procuremos o Hexágono de inverno e identifiquemos Sirio, a estrela máis brillante do ceo visible situada na constelación do Can Maior. O ceo loce en galego.

bretemas@gmail.com

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats