Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O galeguismo aquel europeísta

Sendo eu mozo, esta era a proposta política dos galeguistas. O Castelao de 'Sempre en Galiza' estaba vetado e debiámolo esquencer en canto político e ideólogo. Para os galeguistas dirixidos por Ramón Piñeiro e polo círculo de Galaxia, había que fuxir do comunismo e de todo o que viñese do Leste. Tratábase, pois, dun galeguismo de Guerra Fría. O Partido Galeguista autodisolvérase. Dado que o nacionalismo chegou a considerarse unha paixón decimonónica, como tamén a autodeterminación e soberanía nacional, a solución para Galicia achábase centrada na unidade europea. Cando esta aínda era un xermolo, e pouco máis ca a CECA, xa o grupo de Piñeiro predicaba o europeísmo como panacea.

O galeguismo difundía a esperanza en que o proceso europeísta terminaría fundando unha grande federación á cuxo abeiro Francia e España sufrirían unha especie de licuación na que ían refrotar Bretaña, Occitania, Cataluña, Euskadi e, naturalmente, Galicia. Polo tanto, para o galeguismo de Galaxia, o anticomunismo uníase a un soño que nunca chegou a se materializar. Houbo MC e UE, pero as resultas non supuxeron a resurección das nacións sen estado.

En África, Asia, Oceanía, Caribe e así, apareceron antonte estados independentes do trinque. Pero Galicia, Euskadi, Cataluña nin antes nin despois de España ingresar na EU lograron a súa soberanía nacional. As promesas dos galeguistas de Piñeiro resultaron, pois, falsas. O que aínda resultou máis evidente cando Iugoslavia e a URSS se escartelaron e as súas nacións antano federadas se independizaron coa axuda de Occidente, que procuraba enfeblecer así o campo socialista.

Despois o mundo foi constatando o feito de que a UE non era unha entidade nin democrática nin social. Algún de nosoutros pensou que o 'Himno á Ledicia' usado como símbolo musical desa Europa podía ouvirse en clave de sarcasmo.

Por iso e por outros puntos quen non collen neste recuncho, moitas persoas foron abandonando o galeguismo antinacionalista (ou piñeirismo) e terminaron por nutrir as fileiras dunha nova esquerda autodeterminista, cuxa organización máis concorrida é agora o BNG. Por suposto, o independentismo de Anova e FPG, que acadara éxito electoral con prácticas frentepopulistas e republicanas conforme o que preceptuara Castelao, aínda aí as están. Na Galicia actual hai un sindicalismo obreiro descoñecido, poñamos por caso, en Cataluña. Hogano, o planeta anda en proceso desglobalizador. É de esperar que, neste estado da Humanidade, vai resultar máis e máis insoportable para os pobos unha UE que acentúa a súa vacuidade autoritaria.

Compartir el artículo

stats