Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Muller Traballadora e Concepción Arenal

O Día da Muller Traballadora, coas súas memorias tatuadas na banda fabril do noso peito, foi desvirtuado no magma e globulosidade dos movementos pequenoburgueses de distracción. Ese día nós non celebramos Isabel Católica nin Margaret Thatcher nin Mechitas de Vigo. Nós non celebramos o pensamento reaccionario de Emilia Pardo Bazán e Rúa Figueroa. O facer iso levaríanos a falar de Isabel II (léase El Ruedo Ibérico de Valle-Inclán). Tivemos, si, no pensamento, este pasado 8 de Marzo, a figura maliciosamente ocultada de Concepción Arenal. Pro o noso arquivo documenta con detalle o que a Concepción lle fixeron en 1876 e na miña cidade natal Ourense.

Unha Emilia ambiciosa e noviña concorreu ao premio convocado, pé das Burgas, para coroar un ensaio sobre o Padre Feixóo. Tamén concorreu ao certame a sabia, didáctica, disidente septembrina Concepción Arenal. Moveuse o bispo e moveuse a caverna ourensá para lle arrincar ao xuri un fallo contrario á autora de Cartas a un obrero, que é obra conmovente, misericorde e para nada revolucionaria. Á cabeza dos partidarios de lle outorgar o premio a Concepción Arenal estaba Xohán Manuel Paz Nóvoa, fillo daquel impresor Paz que tanta luz deixou pasar entre as liñas dos escritos que producía o seu taller. O bispo de Ourense foi implacábel contra Concepción Arenal e en favor de Emilia Pardo Bazán; esta, filla dun aventureiro balzacesco e virachaquetas cuxo nome non menciono eiquí por decoro.

Tal polémica se orixinou en Ourense que a cuestión acadou repercusión popular. Os do sindicado de dependentes de comercio fixeron uso público da bandeira dos suevos, naturalmente a favor de Concepción Arenal, e tamén se pronunciaban graxos lestos e avizorados que acadarían sona nos relatos de Álvarez de Nóvoa, Heraclio Pérez Placer e Blanco Amor. Paralelamente houbo discusión no paseo dos graves varóns que tan ben Otero describe no Espolón da Praza Maior. As posturas foron teimosas. Cara a cara; nin un paso atrás. Galo rubio na loxia e no sindicato, galo preto no cabido catedral e en Palacio.

O Instituto, que convocara o concurso, non sabía como resolver o conflito, aínda que os catedráticos estaban maioritariamente por Concepción Arenal. Nunca tal cousa ocorrera, pero foi a Universidade de Oviedo a que dirimiu aquela cuestión latexante concedéndolle o premio, non a Concepción Arenal (mesmamente algo asturiana), senón á moi galega, opulenta e devota de Pío IX, Emilia Pardo Bazán.

Queriamos decer que a desaparición da designación Día da Muller Traballadora e xeneralización de Día da Muller é unha manifestación da loita de clases, aínda que se produza no máis levián da superficie molecular das augas da Historia. Anos máis tarde, escritores progresistas e protonacionalistas de Ourense, digamos Alberto García Ferreiro, erixiron en desagravio un belo monumento a Concepción Arenal nos Jardinillos de Xohán Manuel Pereira. O triste destino desta estatua non é para ser contado hoxe.

Compartir el artículo

stats