Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Bolivia nazi

José Manuel Ponte facía crónica nestas páxinas do golpe de Estado que mandou Evo Morales ao exilio a que quer desmontar as conquistas económicas, sociais e culturais do seu goberno democrático e do partido MAS (Movimento al Socialismo) en Bolivia.

Nós intentamos disecar o corpo complexo dos opositores golpistas. Falamos, en ameixoada revolta, da vella caste crioula, nostálxica do latifundistmo, post-colonial e caudillista. Falamos dos cleros católico e evanxélico, afectados polos servizos secretos estranxeiros. Tamén das novas camadas burguesas e dos donos dos media belixerantes contra o goberno. Falamos do Exército e da Policía ideoloxizados no neoconservadorismo de modelo norteamericano. Falamos de sectores do lumpen e da marxinalidade aínda non acomodada na nova sociedad igualitaria. Falamos da OEA e da súa oposición permanente a todo o que signifique esquerda no Continente, especialmente nos territorios que van de Sonora á Patagonia. Do Departamento de Estado e da CIA universalmente interventora en América Latina estamos a falar.

Moitos, coma min, esquencemos un axente golpista do cal tratou José Manuel Ponte no seu artigo, ao tempo que chamou a atención sobre o que di ao respecto o sociólogo e pensador político Jean Ziegler. Trátase de nazis en Bolivia. Coa desfeita do III Reich, unha colonia de membros do partido nazi, ben aprechados económicamente, estableceuse en Bolivia, especialmente no departamento de Santa Cruz.

Quixeron facerse independentes en tal territorio, cunha república de extrema dereita do tipo Padania, Ucranía ou aquela lonxana e perversa Katanga da nosa mocedade. De todos modos, é seguro de que a súa svástica nazi non entrou a formar parte do deseño da bandeira multicolor dos pobos da nova Bolivia. Se triunfar plenamente o golpe en Bolivia, a etnia alemá de Santa Cruz xa non terá que ameazar máis cunha secesión.

O novo poder, será en boa parte deles. Lonxe de Bolivia, os EE UU moven os fíos das marionetas grotescas no grande retábulo de América Latina. Obrador, en México, acolle Evo Morales co mesmo xesto humano e político co que Lázaro Cárdenas lle abriu a patria zapatista aos derrotados na Guerra de España.

Compartir el artículo

stats