Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Veciños de Poio enterrados no Val dos Caídos

O Dicionario da Real Academia Galega define a palabra xustiza, nunha primeira acepción, como o respecto e recoñecemento dos dereitos e do mérito dunha persoa. Cando os organismos encargados de exercer xustiza, e as persoas que os representan, non cumpren coas súas obrigas estase a conculcar os dereitos das persoas, é dicir, estase a facer inxustiza.

O Historiador Bernardo Maiz na súa obra Amada García e os seus arredores, di: "Por riba de calquera negación ou manipulación, a verdade permanece na memoria social, nunha sociedade madura que quere coñecer esa verdade, unha verdade histórica que é teimuda e sobrevive". Este fragmento, entendemos nós, condensa a procura da maior aproximación aos feitos realmente acontecidos e as súas consecuencias históricas.

O pasado 24 de outubro, e despois de 44 anos, levouse a cabo a exhumación dos osos do ditador español que en abril de 1940 decretou a construción do infame monumento do Val dos Caídos. O conxunto monumental foi erixido para "rendir honor y enterrar a aquellos que cayeron luchando en la "Gloriosa Cruzada", aínda que en 1957 disfrazouse esta motivación, unicamente no papel, para dicir que sería un monumento dedicado a "todos" os caídos na incivil contenda. Construído fundamentalmente polos presos políticos republicanos, o nacionalcatolicismo converteuno na "maior" fosa común de España.

En Poio, e sendo Alcalde Pedro Soto Couselo, o 17 de xuño de 1939 "Año de la Vitoria", fai chegar a superioridade o resumo das achegas con que o Municipio contribuíu ao triunfo do "Glorioso Movimiento Nacional". Neste documento dise que Poio tiña unha poboación aproximada de 8.000 habitantes, e que dera para o Exército, Mariña e Milicias de FET-JONS, uns 650 homes, dos cales entregaran a vida por Deus e por España vinte e oito. En febreiro de 1940 engadíronse outros doce nomes máis a esta lista, tamén incompleta, pois por outras fontes documentais chégase a suma de cincuenta e tres os mortos na guerra.

Nestas relacións non figuran os nomes doutros veciños de Poio que tamén morreron por causa da guerra, e que as autoridades locais omitiron deliberadamente, como foron José Muñiz Leiro, o Peilán, paseado; Dionisio García Fraga, fusilado en Lugo; Constante Couselo Casás, fusilado en Serantes, (Ferrol); Cándido Ansín Besada, o Caniuta e Valentín Bringas Balboa tripulantes do barco Mar Cantábrico, o primeiro morto no propio barco e o segundo en 1940 no Hospital de Mariña, trasladado dende o penal naval militar de Casería de Ossío (Cádiz).

O 6 de agosto de 1952, volvese facer unha nova "Relación de caídos de este Municipio durante la campaña de liberación en los diversos frentes de combate", no listado elaborado só figuran trinta e nove nomes, debemos ter en conta que algúns nada tiveron que ver coas frontes de combate, tal foi o caso dos irmáns José e Manuel Cereijo Muíños, frades mercedarios asasinados en Madrid.

En decembro de 1952, o Alcalde particípalle ao Gobernador Civil "que los familiares de los Caídos de este Municipio, durante la Guerra de Liberación, están conformes en que los restos de estos, sean trasladados en su día al Monumento del Valle de los Caídos, a excepción de Manuel Ferreirós Espinosa, cuyos familiares por medio de telegrama dirigido a esta Alcaldía se oponen a tal medida".

Os únicos datos que facilitaron os familiares foron os seguintes: José Tilve, falecido o 27-02-1938, no Hospital de Costa de Zaragoza e foi enterrado no cemiterio de dita localidade; José Pérez Arís, faleceu o 27-06-1938, no Hospital da Coruña e enterrado no cemiterio de dita capital; Joaquín Barreiro Otero, faleceu na Fronte de Teruel; Celestino Esperón Torres, faleceu en abril de 1937, na Fronte de Espiel (Córdoba); José Álvarez López, faleceu o 7-01-1939 e foi enterrado no cemiterio de Pueblo Nuevo del Terrible (Córdoba); José Alonso Martínez, faleceu na Fronte de Madrid; Vicente Barreiro Lores, faleceu o 28-10-1937, enterrado no cemiterio de Valmadrid (Zaragoza); Benito Iglesias Romay, faleceu o 6-09-1937 e foi enterrado en Peñas Blancas, Llanes (Asturias); Salvador Castiñeira Tilve, faleceu no Hospital de Pamplona; Celestino Vázquez Souto, faleceu o 23-04-1938 e foi enterrado en Morella (Castellón), 6ª. Zanxa, nº 21.

A través do "Listado de enterrados en el Vallle de los Caídos", e tendo en conta que faltan moitas veces o segundo apelido, temos identificados aos seguintes veciños de Poio: Manuel Ramón Graña Ucha (Hucha) 1286/2009 LERI, trasladado o 21/07/1965 desde Lleida; Severino Villanueva 1096/2009 TARR, trasladado o 28/03/1959 desde Bot (Tarragona); José Alonso Martínez 1297/2009 MADR trasladado o 11/12/1968 ou o 4/01/1969 desde Griñón (Madrid). A estes nomes podemos engadir, con todas as cautelas, a: José Tilve, desde Zaragoza; Eulogio García (Abilleira) desde Sta. Eulalia (Teruel); José Martínez Pérez desde Cella (Teruel); e a Celestino Vázquez desde Cella (Teruel).

Para que os actuais gobernantes poidan recuperar a súa propia dignidade e preciso que conxuguen a xustiza coa verdade histórica, o resultado será unha sociedade máis democrática, respectuosa co pasado e con alicerces vigorosos para enfrontarse ao futuro.

* Historiador

Compartir el artículo

stats