Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Oposición dende o goberno

Esta mesma semana, e con motivo do acceso á documentación que lle corresponde a todo grupo municipal, a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, lanzou uns grandilocuentes titulares acusándome de delicto penal e, por elo, para defender o meu honor e a miña imaxe, véxome na obriga de explicarlle o caso aos veciños.

Hai bastantes semanas solicitei copia de certa documentación para facer a miña labor como concelleira. Repito, copia, para levar e estudar con calma. Malia a resistencia do goberno local, que algo debe ter que ocultar porque lle custa moito darnos acceso aos expedientes, avisáronme de que podía ir retirala. Achegueime ao Concello e unha funcionaria doume dúas carpetas, sen ningún tipo de inscripción e que nin abrín, e fixen outras tarefas antes de irme con esas carpetas que, supostamente, eran as copias que tiña solicitado. Pola tarde avísanme de que tiña que devolvelas e critican que me levara os orixinais. Máis aló da anecdótica circunstancia, non sei se o goberno entregoume a propósito estes documentos para poder reprocharmo (como resposta ao mal que levan as primeiras críticas que facemos á súa xestión) ou son tan neglixentes que non saben nin a documentación que entregan. En calquera caso, eu non levei nada ás agochadas e o goberno é o único responsable da custodia dos expedientes municipais. Xa non é que xestionen mal, é que non saben nin ter a salvo unhas carpetas. E para rematar os feitos, quería comentar a resolución que me fixo a rexedora, na que resolve "recordarme dous artigos do Código Penal". Anticípolle por este medio, que non é preciso ese recordatorio, e os meus sete anos e medio á fronte do Concello de Forcarei, así o demostran. Ademáis, qué tipo de resolución é esa?

Agardo que con esta explicación os veciños coñezan ben os feitos, pero teño moi claro que xa saben de sobra o que hai porque en Forcarei nos coñecemos todos e saben perfectamente quen son e o que fago, cos meus acertos e cos meus erros.

Sinceiramente, cremos que foi unha montaxe para tratar de xustificar con excusas baratas a súa intención no futuro de entorpecernos aínda máis o acceso á documentación, porque xa sabemos de varias irregularidades: facturas pagadas por anticipado sen cumprir a normativa de servizo feito, facturas a familiares, comidas? en definitiva un mal uso dos cartos de todos.

E, ao goberno local pediríalle que se poña a gobernar, que nos últimos catro meses a maior parte das necesidades dos veciños están sen atender e o único ao que se adican é a facer fotos e a exercer de oposición da oposición. Forcarei necesita un goberno e polo de agora non o ten, porque están máis preocupados en respostar ás nosas críticas á súa nula xestión que en dirixir este Concello, supoñemos que porque seguen sen crer que chegaran ao poder. En definitiva, a democracia do Pleno colocou a Verónica Pichel e ao PSOE no goberno de Forcarei e nos aceptámola e puxémonos a traballar como oposición. E é o que imos facer, imos criticar a súa xestión cando creamos que corresponda, imos facer propostas e temos dereito e deber de fiscalizar a acción do goberno, e así o deben aceptar democraticamente, pero resístense. Queren un goberno sen críticas e por iso lles custa tanto darnos a documentación. Pero nós imos estar aí, loitando todos os días pola defensa dos intereses xerais dos veciños e do noso proxecto, que lembramos que foi o máis votado nas eleccións de maio.

*Voceira do grupo municipal do PP e exalcaldesa de Forcarei

Compartir el artículo

stats