Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Ons: a historia repítese

O Marqués de Valladares logra ser dono da Illa dun xeito nada claro. Ninguén pescudou o tema cando hai dabondo documentación, pero despois duns litixios, a mediados dos anos 30 do pasado século XIX o marqués faise coa Illa e por medio dunhas artimañas, de moi dubidosa legalidade, faise coa propiedade de Ons. Ten moitos problemas cos veciños daquela, que se consideraban propietarios dunhas terras polas que pagaran nas famosas accións de primeira clase, pero o Sr. Valladares logra seducilos, primeiro convencendo a varios veciños, dos máis fortes economicamente, e logo pouco a pouco aos demais. Temos que dicir que o seu dominio foi aceptado grazas ao labor a favor dos illáns que fixo: pasar de Sanxenxo a Bueu, facer un bo censo de veciños e propiedades, fábrica de salga,..., que trouxo un pequeno crecemento económico.

Coa súa morte, volven as reivindicacións veciñais. O seu lugartenente Sr. Marcial Bernadal ten un dominio case absoluto sobre os veciños, aos que ten amedrentados, pero non ten cartos para conseguir a propiedade total. Aparece un capitalista, o Sr. Manuel Riobó, co que se asocia, pero en nada xorden problemas entre eles que fai romper a sociedade que crearan e pola cal tiñan en aluguer a Illa. Bernadal non quería perder o seu dominio, pero Riobó, máis forte economicamente, consegue desfacerse del e facerse coa propiedade, o que nun principio trae problemas entre os veciños e Riobó polo apego ou medo que lle tiñan a Bernadal e que quería seguir dominando.

Manuel Riobó logra impoñerse ante Bernadal, pero non ante os veciños, que aproveitando a contenda entre os dous socios, volven a reivindicar as súas propiedades.

O Sr. Riobó fai uso das súas influencias e, aproveitando o ínfimo nivel cultural dos veciños de Ons, logra, en despachos do continente, que algúns veciños, no nome de todos, (non sabemos que lles puido ofrecer a cambio) asinaran uns documentos, (habería que estudar moi profundamente a súa legalidade) que os desposuían de todos os seus dereitos e que o transformaba en dono absoluto de toda a Illa, incluídas as vivendas que os veciños construíran coas súas mans ou pagando a quen o fixera. Ese documento, coido, que non ten un valor legal, polo feito en como se fixo, e que converteu a Manuel Riobó en dono dunhas vivendas que non lle pertencían e que os veciños levantaran cun grande esforzo persoal e económico en épocas moi difíciles.

E, dando un salto no tempo por falta de espazo, agora a historia repítese, O Sr, Feijóo, por medio dunha Lei, obriga aos veciños de Ons, por Imperativo Legal, a asinar un documento de concesión polo cal, os illáns, grazas ao bo que é o Sr. Feijóo, lles deixa desfrutar da vivenda, que os seus antepasados construíron, durante 75 anos, e logo, FÓRA. Senón asinan poden perder os servizos que a Xunta lles ofrece, o que trae que, polo medo, asinen.

Pero, aínda así, debe de parecerlle moito tempo, que xa comezou unha cruzada contra eles para lograr que vaian abandonando as súas casas. Realizou un PRUX ao seu favor para que os veciños non tiveran ningún dereito. Aínda así, o fai tan mal, que sen estar no PRUX, quere que os veciños non poidan desfrutar das súas casas illáns, obrigándolles a facer un carné para acceder á súa casa Illán, que non ten nin pés nin cabeza, froito dalgún iluminado da Consellería ou de Parques, polo que queren conseguir que cada vez os veciños de Ons teñan menos dereitos e que abandonen as casas canto antes e así, case que seguro segundo as malas linguas, poder desfrutar o Presidente e os seus Conselleiros, coas súas familias, dun paraíso como é a Illa de Ons nas casas dos veciños.

Veñen as eleccións autonómicas para o ano, esperemos que os veciños abran os ollos. O seu voto é importante, polo menos para demostrar que non son os mesmos da época do Marqués de Valladares nin de Manuel Riobó.

(*) Presidente da Asociación Pineiróns

Compartir el artículo

stats